Ruta “Parque Nacional Peneda-Gerês. Os belos ecosistemas de montaña” 2 de setembro, Castro Laboreiro (Portugal)



Entre bidueiros, fresca e renovada musita a brisa lene e aloumiña a nosa cara. Na beira do camiño, rocha acó-rocha acolá, a cor rosa esvaída das Cinereas, a maxenta profunda das Ciliaris pilosas, a delicada violeta da Calluna tapizan o solo incipiente, o chan terreo. Aínda a fermosa perdigueira de flores amarelas resiste, mais devagar, esa flor da paso a froitos abertos pardos-avermellados non menos belos. Gana presenza, entón, a carqueixa.

E se difícil for a vida na montaña, quen non parece notalo son as densas e abondosas reboleiras, pois hai exemplos de bosques maduros con grandes uces brancas en encosta, na altura. Como debe ser.

Nas pozas, nas pequenas lagoas, hoxe dominan os cabaliños do demo e as grandes libeliñas. E así as delicadas e pequechas Donceliñas azuis, e os robustos e veloces Emperadores enchen de cor, tamaño e xogos amorosos o ar e enriquecen, rotundamente, estes hábitas. Redondo.

As liñas de auga atravesan o territorio e permiten nas chans as brandas, nas encostas, as inverneiras, e os seus capilares regan, afortunadamente, as abas das montañas, os vales. E medra a vida.

No alto, a profundidade.

Máis información, logo das fotografías.

Máis indicacións
Localización. Castro Laboreiro (Portugal)
Data. 2 de setembro.
-Lonxitude do percorrido. 12,5km.
Dificultade. Moderada-alta. Altitude 750m-1124m.
-Punto de encontro. Monçao, ás 10h. Desde acó, dirixirémonos nos coches a Castro Laboreiro.
Hora de comezo. 11h.
Hora de remate. 17,15h, aproximadamente.
Tarifa. 9€ (Inclúe a preparación, a monitorización da ruta, as taxas e o seguro de responsabilidade civil). O pagamento farase ao inicio da actividade.
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 4€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -unha menor- unha tarifará 4€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -dúas menores- as dúas menores tarifarán 4€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, dúas tarifarán 4€.
Xantar. Cadaquén levará a súa comida.
-Formaliza a túa inscrición neste FORMULARIO . Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl . A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *