PROGRAMA HAIKU-FAIA 2022

Os Haikus, poemas breves de tres versos e rimas libres, entran de cheo nalgunhas actividades de Faia, procurando que a literatura e a filosofía acompañen ao coñecemento antropolóxico e biolóxico.
Estas composicións teñen trazos moi definidos, mais para nos introducirmos devagar no seu mundo poético, concretaremos ao principio poucas pautas co fin de fomentar a participación das persoas.

As poesías presentarán tres versos. As autoras das poesías deberán ficar fóra destas; contemplarán, reflexionarán sobre o que xire dentro e arredor delas, e desaparecerá o “eu” da autora.
Os Haikus xurdirán da contemplación do medio natural, rural. As persoas somos observadoras. Albiscamos e apreciamos o que sucede arredor de nós e así escribimos. Un pensamento, un adagio, unha sentenza, unha descrición…unha emoción.

No programa dos Haikus serán as persoas que participen nas actividades de Faia, tanto as creadoras de palabras directas e fermosas, coma do desenvolvemento do programa e do seu remate, establecido a finais de 2022.