Programa Haiku-Faia 2020-2021

Entre os obxectivos do PROGRAMA HAIKU-FAIA están a participación social, a expresión persoal e a suma de coñecemento e de achega ás sociedades humanas que poidamos ter das persoas que transitan entre as árbores.
O PROGRAMA HAIKU-FAIA ten unha duración dun ano e chegado o final, elaboraremos unha publicación con todos eles e, por outra banda, estableceremos conclusións, desde a forza destas poesías, sobre unha outra forma de entender o mundo que temos tamén as persoas.

Os Haikus, poemas breves de tres versos e rimas libres, entran de cheo nalgunhas actividades de Faia, procurando que a literatura e a filosofía acompañen ao coñecemento antropolóxico e biolóxico.
Estas composicións teñen trazos moi definidos, mais para nos introducirmos devagar no seu mundo poético, concretaremos ao principio poucas pautas co fin de fomentar a participación das persoas.

As poesías presentarán tres versos. As autoras das poesías deberán ficar fóra destas; contemplarán, reflexionarán sobre o que xire dentro e arredor delas, e desaparecerá o “eu” da autora.
Os Haikus xurdirán da contemplación do medio natural, rural. As persoas somos observadoras. Albiscamos e apreciamos o que sucede arredor de nós e así escribimos. Un pensamento, un adagio, unha sentenza, unha descrición…unha emoción.

No programa dos Haikus serán as persoas que participen nas actividades de Faia, tanto as creadoras de palabras directas e fermosas, coma do desenvolvemento do programa e do seu remate, que agardamos sexa singular.

Velaquí, unha mostra dalgúns Haikus coñecidos:

        Feito de ar
        Entre os piñeiros e as rochas
        abrolla o poema                             Octavio Paz

        Unha flor caída
        regresa voando á súa rama.
        Unha bolboreta!                              Arakida Moritake

        Este camiño
        xa ninguén o percorre.
        Salvo o crepúsculo                          Matsuo Basho

  Onte á noite cubrín
  os meus fillos durmidos
  e o bruído do mar                            Watanabe Hakusen
 
 Abrindo os peteiros,
 os paxaros agardan á súa mamá:
 a chuvia de outono                           Issa