Ruta “Na Dorsal galega, bosques aluviais, queirogais temperados e campas da Serra do Cando” 17 de decembro, A Lama



210km de serras sobranceiras fracturan Galiza desde Estaca de Bares até o río Miño. A súa orixe remóntase á Era Paleozoica, entre o Carbonífero e o Pérmico, hai 300 millóns de anos. E rexuvenecida pola Oroxenia Alpina, amósanse de Norte a Sur, O Xistral, A Cova da Serpe, A Faladoira, O Careón, O Candán, Avión, O Suído, Os Montes da Paradanta,…

E, entre o Candán e O Suído,..a Serra do Cando. Fermosa.

No alto, extensas chans herbosas, e arredor delas, Queirogais húmidos atlánticos e Queirogais secos europeos embelecen a serra dilatada, aberta, montana. Rarea o bosque, e os camiños carreteiros  diríxennos ás pradeiras de asfodelos, alí onde Perséfone foi raptada polos corceis negros de Hades, nun mundo paralelo, pretérito, infinito. Abrótegas glaucas que ensimisman, e unha nova abstracción.

Abaixo, un exultante bosque. Unha gran carballeira galaico-portuguesa, envolvente húmida e sombriza, mestúrase co bosque aluvial e, densa de vexetación protéxenos unha boa parte do percorrido. Pertúrbanos. Seixebras das paredes húmidas, tapizantes violas acorazonadas a carón dos regueiros, fentas perennes de frondes estériles; extensas pradarías de esfagno declaran o seu amor á pedra, arandeiras articuladas e espidas,..o río

Tedes máis información ao remate das fotografías.

Máis indicacións
Localización. Serra do Cando (A Lama)
Data. 17 de decembro.
Lonxitude do percorrido. 12 quilómetros.
Dificultade. Baixa-moderada. Altitude 350m-750m
Punto de encontro. Ás 10,30h, na Lama, diante da Casa do Concello. Desde alí, dirixirémonos nos coches ao comezo da ruta (5m).
Hora de comezo. 11h.
Hora de remate. 17h, aproximadamente.
Tarifa. 8€ (Inclúe a preparación, a monitorización da ruta e o seguro de responsabilidade civil). O pagamento farase ao inicio da actividade.
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 4€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -unha menor- unha tarifará 4€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -dúas menores- as dúas menores tarifarán 4€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, dúas tarifarán 4€.
Xantar. Cadaquén levará a súa comida.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl . A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *