Visita aos “Canóns do río Gato e Montañas do Xurés” 27 e 28 de xullo, Ourense
Baixaba pola reboleira. O meu can, a miña cadela, comigo. O día comezaba e, entretida ollaba a futura marcescencia dos cerquiños, os cladodios da xilbarbeira, a redución das follas dalgunhas plantas….hai que lle dar enerxía ás flores!!. Mamá carballa alimentaba ás súas cativiñas e a hedra aghabeaba con pés de eiruga pola súa epiderme rugosa, sen pedir permiso. -O sol non foxe, fermosa hedra…vai devagariño…
Petos verdeais na orla do bosque e ferreiriños cantareiros acó e acolá..
E así, todas as pegadas do bosque do mundo que o agrandaban facíannos sentir diferentes e máis pequenos. E gozaba co meu minúsculo corpiño. Eles, comigo.
Pronto no bosque de cerquiños penetraban os sanguiños, os freixos e a fresca luzula incursionaba. Achegábamonos ao Canón do río Gato. O bosque transformábase aló nunha ribeira agochada. Densa, sombriza…case lasciva…
E de socato, en el algo fallou e advertín a debilidade infinda das persoas. Con certeza notaba a impotencia prematura dos fermosos carballos, dos observados sanguiños, dos loureiros de Daphne. Non podían arengalo. Nin a min. Ela observaba e sabíanos febles.
E o bosque fíxose eterno e parou. E nós, tamén. Na voluptuosidade vexetal, xuntas-xuntiñas-xuntas, baixo as pólas retortas dun carballo, ao abeiro dun muíño abandonado comesto polas xilbarbeiras, ollámonos un tempo e retomamos. E sentímonos acompañados.
No eterno retorno, na volta aos nosos pasos, na chegada á casa, acumulábanse imaxes dos seres robustos e xenerosos, do noso día con eles; e pensaba no desexo firme de recuperarmos un lugar na beleza dese mundo.
Anímaste?
Máis indicacións ao remate das fotografías.
Indicacións
-A tarifa é 74€ por persoa.
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 60€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas, cunha menor a cargo, a menor tarifará 60€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, con dúas menores a cargo, as menores tarifarán 60€.
-O prezo inclúe a a hospedaxe do sábado no Albergue Municipal de Bande, a cea do sábado en Bande, o almorzo do domingo, o picnic/xantar volante do domingo. Tamén inclúe a visita guiada a Santa Comba de Bande, a visita guiada ao Mosteiro de Celanova, as monitorizacións dos percorridos, a preparación do programa e o seguro de responsabilidade civil.
–Límite da inscrición, 30 persoas; anotarase segundo orde de inscrición. A inscrición require confirmación por parte de Faia.
-O transporte se realizará en coches que deberán ir completos.
-Podes demandar máis información ou formalizar a túa inscrición neste FORMULARIO . Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl . A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.