“Visita ao Xurés, Reserva da Biosfera Gerês-Xurés”. 25 e 26 de xullo
Reserva da Biosfera transfronteiriza, Parque Natural e Rede Natura, o Xurés, entre os 300m e os 1550m de altitude, presenta estas figuras de elevada protección ambiental, dado o grande número de ecosistemas que amosa, acubillo de flora e fauna ameazada (acereiro, aguia real, bufo) ou endémica (lirio, armerias).
Son doados de ver hábitats tan especiais coma os bosques de carballo negro e carballo atlántico, uceiras atlánticas húmidas de erica tetralix, sobreirais, pasteiros seminaturais, pendentes con vexetación casmofítica, bosques de aluvións de amieiros e freixos ou modelados glaciares de baixa altitude.
Así, os seus cumios, esgrevios, fracturados, con afloramentos graníticos impoñentes, caen en pendente e se transforman en matogueiras ou pasteiros seminaturais, ás veces nas chás, do que dan conta o cabalo bravo galego e a vaca cachena. Tamén, no piso montano, aparecen os bosques de cerquiños xunto de bidueiros e a carballeira atlántica.
Baixamos, e a forte seca estival fomenta unha gran diversidade florística. Aparecen os bosques de castiñeiros adevesados e os sobreirais.
As pegadas históricas das épocas megalítica, romana, sueva, visigótica, presentan exemplos numerosos, notorios e belos na forma de antas, mámoas, calzadas, vilas, termas, ou a xoia de Santa Comba de Bande.
Anímaste?
Máis indicacións ao remate das fotografías.
Indicacións
-A tarifa é 59€ por persoa.
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 51€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas, cunha menor a cargo, a menor tarifará 51€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, con dúas menores a cargo, as menores tarifarán 51€.
-O prezo inclúe a hospedaxe do sábado, a cea, o almorzo e o pícnic do domingo. Tamén inclúe a preparación do programa, as monitorizacións, as visitas guiadas e o seguro de responsabilidade civil.
-Límite da inscrición, 30 persoas; anotarase segundo orde de inscrición. A inscrición require confirmación por parte de Faia.
-O transporte se realizará en coches que deberán ir completos.
-Podes demandar máis información ou formalizar a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706.