Visita ao Parque Natural Las Arribes del Duero. 17, 18, 19, 20 de abril

Situámonos entre Zamora e Salamanca e na estrema con Portugal. O río Douro. Alí, os 100km dos canóns máis profundos da Península Ibérica condicionan o medio natural e o rural. E aparecen tenues contrastes de elevada harmonía. Mais a vida non é fácil para ninguén..

Posúe valores paisaxísticos, faunísticos, botánicos, etnográficos, xeolóxicos, culturais, e singulares recursos agro-gandeiros.
Aparecen o voitre leonado e o voitre branco nas Arribes, nas cortadas de granito; non será difícil ollarmos á cegoña negra. Nos cortíns, a raza asnal zamorano-leonesa. As formacións adehesadas, máis pequechas que en Extremadura, seguen a ser fermosos sistemas agro-silvo-pastorís con aciñeiras de gran porte.
E arrinca a primavera…percíbese na flora, no ar, na luz. Paseniño, aparecerán as mapoulas, as arzaias, as carpazas; máis adiante os caraveis, o tomiño,…No bosque húmido mediterráneo abonda o caxigo e as fervenzas ocupan os considerábeis desniveis dos ríos; os socalcos do Douro amosan extensións de oliveiras e amendoiras; tamén de viñedos da D.O Arribes.

E así, a través das rutas de sendeirismo e da viaxe en barco polo Douro percorreremos diferentes ecosistemas; algunhas visitas guiadas centraranse nas iniciativas empresariais que teñen en conta o medio no que se sustentan; outras, na vila de Fermoselle, Conxunto histórico-artístico e un dos paradigmas do devir histórico da comarca.
En fin, para non perdermos…

Máis indicacións da visita no programa (preme no “programa”) e no remate das fotografías



Máis indicacións

-A tarifa é 99€ por persoa.
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 89€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas, cunha menor a cargo, a menor tarifará 89€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, con dúas menores a cargo, as menores tarifarán 89€.
-O prezo inclúe a hospedaxe de 3 noites, o almorzo de 3 días e a cea de 3 noites no Albergue Juvenil La Noria, da Rede Hostelling International. Tamén inclúe a preparación do programa, as monitorizacións, as visitas guiadas, o paseo en barco e o seguro de responsabilidade civil.
-Límite da inscrición, 40 persoas; anotarase segundo orde de inscrición.
-O transporte se realizará en coches que deberán ir completos.
-Podes demandar máis información ou formalizar a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *