Outono no “Parque Natural Enciña da Lastra. Entre o Bosque mediterráneo e os Desfiladeiros calcarios do Sil” Ourense, 27, 28, 29 de outubro
Un lugar de excepción no territorio galego.
Situada no suroeste galego, na Rexión bioxeográfica mediterránea europea, a Serra da Enciña da Lastra amosa a mellor representación da vexetación mediterránea galega (moitas especies escasas, outras raras e ameazadas), cortados calcarios verticais, unha extensa rede de covas e simas e unha avifauna interesante de aves de prea.
Collemos o Sil no oriente do Parque Natural. Situamonos nunha das súas beiras. En suave ascensión a paisaxe vexetal varía. Envólvenos.
Choupos negros, freixos (excelsior) e salgueiros. Afástome un pouco e aparecen exemplares da oliveiriña brava (Phillyrea) e cardencha que nos dirixen ao denso bosque mesomediterráneo. Velaquí, a sorpresa, pois un tunel vexetal agarda por nós. Entramos.
Alí, fermosos aciñeirais en encostas, tapizados do esfagno, salferidos de érbedos acó e acolá. Morotes amarelos e vermellos. Non dá tempo a velos pois xa os abondosos liques usnea e parmelia,, xa a flor e o froito do numeroso trovisco, a vexetación casmofítica, o ourego e algúns abruñeiros, despístannos; non sabemos cara a onde ollar.
Aparece o Arce de Montpellier e, daquela, fico estantío. Recréome nel. O bosque, venceu. Desde este momento, sen percibilo, vou paseniño; xa non hai présa, só existo aí. Á esquerda e á dereita, o tunel de aciñeiras, lévame. Suspendida pola beleza, paro, observo, respiro, rexistro.
Pasado un tempo noto a vexetación rarear; acordo, esperto. Retírome do leito vexetal. Estou xa no piso supramediterráneo e desaparece o bosque. A esquerda, desde os 200 metros, farallóns calcarios caen verticalmente sobre o Sil.
No camiño, aparecen as belas espiñentas, agora cos froitos pintados e a matogueira. Vermello, laranxa, azulvioláceo, negro brillante, amarelo.
Son o xasmín amarelo (Jasminum fruticans), o escornacabras (Pistacia terebinthus), o abruñeiro, as roseiras bravas, os estripeiros, as cerdeiras. Logo na matogueira, as estevas (ladanifer), as carpazas, a arzaia (lavandula stoechas), a carqueixa, as ericas….
Entra no PROGRAMA HOSPEDAXE RESERVA (Preme en cada palabra)
O resto das indicacións, logo das fotografías
INDICACIÓNS
-A TARIFA é 89€ por persoa.
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 79€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas, cunha menor a cargo, a menor tarifará 79€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, con dúas menores a cargo, as menores tarifarán 75€.
-O prezo inclúe a hospedaxe do venres e sábado en apartamentos rurais equipados (saída o domingo), a cea-convivio do sábado, as visitas guiadas, as monitorizacións das rutas, preparación do programa e o seguro de responsabilidade civil.
–Límite da inscrición, 34 persoas; anotarase segundo orde de inscrición. A inscrición require confirmación por parte de Faia.
-O transporte se realizará en coches que deberán ir completos.
-Podes demandar máis información ou formalizar a túa INSCRICIÓN neste FORMULARIO. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou no correo-e info@faia.gl