Faia Educación Ambiental

Visita ao Parque Nacional de Monfragüe-Reserva da Biosfera 18, 19, 20, 21 de abril

 

No alto da cortada rochosa, entre xenebreiros e caxigos, alguén vixía a entrada ao bosque mediterráneo. Semella un noso mouro na custodia do tesouro. Albíscanos ao lonxe desde a nosa proximidade ás dehesas chairegas de aciñeiras e sobreiras. Cegoñas brancas acó e acolá. Daquela, o noso mouro ergue o voo, co seu lento e profundo bater das ás. E aparecen decenas de voitres leonados pairando riba das nosas cabezas. Apodérase de nós a sensación dunha advertencia; e a premonición de que non entramos nun lugar calquera.

O río Texo e os máis pequechos Tiétar, Malvecino e Barbaón irrigan Monfragüe. Os frescos e estreitos sotos ribeiregos, cheos de vida, dispóñense nas marxes dada a escasa influencia da auga. Nalgúns cavorcos, a vexetación de ribeira luxúriase verticalmente. Fermoso.
Nun pequecho meandro, unha brisa lizgaira cargada de arrecendo desvíanos do río. Só lle fago caso ao olfacto que na pendente me leva por un chan delgado; logo suaviza e aparece o mato con aromas ao ládano, a resina das estevas. Campos de mapoulas. Arzaias coloridas.

Ao lonxe, nos recantos doutros cortados, o voitre branco; e no alto, a cegoña negra emparellada no ar. O amor….quen puidese…quen o tocase…quen o mantivese..

Entre os leonados, quen machos e femias se reparten as tarefas equilibradamente, destaca a figura da escasa gran ave. O voitre negro. Repetiría até a saciedade que son seres que nos enchen a vida. Delicados, belos, impoñentes.
Matinando ante tamaña diversidade, os pasos lévanme a uns retallos únicos de bosque mediterráneo sombrizo. Cornicabras, caxigos, arces de Montpellier, mirtos, érbedos, sobreiras; nun bosque denso, equilibrado, natural, permanente, mantido pola interdependencia e colaboración de todas as especies. Sentei e observei. Pensaba eu na racionalidade das persoas e algo non me cadraba…

PROGRAMA (preme na palabra)

ALOXAMETO E RESERVA (preme na palabra)

MÁIS INDICACIÓNS, LOGO DAS FOTOGRAFÍAS

 

MÁIS INDICACIÓNS

-A tarifa é 120€ por persoa.
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 105€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas, cunha menor a cargo, a menor tarifará 105€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, con dúas menores a cargo, as menores tarifarán 105€.
-O prezo inclúe a hospedaxe de 3 noites (xoves, venres, sábado), o almorzo de 3 días (venres, sábado, domingo) e a cea de 3 noites (xoves, venres, sábado) e o xantar volante/picnic de 3 días (venres, sábado, domingo). Sera no Centro de Educación Ambiental La Dehesa Global Nature, da Rede Hostelling International, en Torrejón el Rubio. Tamén inclúe a preparación do programa, as monitorizacións, as visitas guiadas, o seguro de responsabilidade civil.
Límite da inscrición, 36 persoas.
-O transporte se realizará en coches que deberán ir completos.
-Formaliza a túa inscrición neste FORMULARIO Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *