Visita ao Courel. “Eiquí sempre foi bosque..” 21 e 22 de xaneiro

“Eiquí sempre foi bosque..” (Uxío Novoneyra)

Formigueiros. 1639m de altitude. Ollamos cara a abaixo e arredor…na Primavera, no Verán, no Outono, no Inverno…

….o abraio..

Montañas alombadas con extensións coloristas de mato erica australis, cando non nevadas, rematan en vales escarpados e frondosos. As devesas, bosques únicos pluriespecíficos de orientación norte entre as que se eleva, monumental, a Rogueira. Alí, a diversidade case é absoluta. Por estratos, por especies, por imaxes. É o Bosque.

Microrreservas de orquídeas e bolboretas no Monte Cido, de afloramento en Visuña. Tan fermosa é Visuña, tan relevante e poderoso o Cido, o noso Medulio.

Clima oceánico de montaña, con grandes contrastes climáticos dada a influencia mediterránea. 800 especies de plantas vasculares; un bo número delas, endémicas, outras escasas.

Alforamentos calcarios entre as lousas que permiten a aparición de covas, endokarst, e vales kársticos, exokarst, de formas caprichosas, impactantes e fermosas. Coma fermosas a herba chaveira, a laureola.

Soutos de castiñeiros -hoxe feridos- que o singularizan. Mestura de faias, acivros, bidueiros, carballos albares, carballos atlánticos. Reboleiras. Teixos, capudres, abelairas.

No mes de Novoneyra, na terra das courelás e courelaos, de Fole e María Mariño, das persoas viaxantes,..

Así, andade engordiño, devagar,…. paseniño

Dúas rutas de sendeirismo de gran impacto paisaxístico que nos amosarán parte da riqueza florística do Courel, unha visita ao Museo de Xeoloxía de Quiroga e, no lecer, un Obradoiro de plantas aromáticas (ungüentos e cremas hidratantes) fan parte da programación desta visita guiada.

Anímaste?

Información sobre HOSPEDAXE E RESERVA

Información sobre o PROGRAMA

MÁIS INFORMACIÓN NO REMATE DAS FOTOGRAFÍAS

dsc_0144

dsc_1234

Indicacións

-A tarifa é 69€ por persoa.
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 55€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas, cunha menor a cargo, a menor tarifará 55€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, con dúas menores a cargo, as menores tarifarán 55€.
-O prezo inclúe a hospedaxe do sábado, a cea do sábado, o almorzo do domingo, o picnic/xantar volante do domingo. Tamén inclúe a visita ao Museo de Xeoloxía, o Obradoiro de ungüentos e cremas hidratantes, a preparación do programa, as monitorizacións e o seguro de responsabilidade civil.
-Límite da inscrición, 36 persoas; anotarase segundo orde de inscrición. A inscrición require confirmación por parte de Faia.
-O transporte se realizará en coches que deberán ir completos.
-Podes demandar máis información ou formalizar a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *