“Visita ao Courel. O apoxeo da diversidade” 30 e 31 de xaneiro
Andade engordiño, devagar,…. paseniño.
Pechade os ollos e voade…estamos no Courel.
Velaquí, a plenitude.
Área de transición entre o cordal cantábrico e o sector galaico-portugués. Clima oceánico de montaña con grandes contrastes climáticos dada a influencia mediterránea.
Montañas alombadas, vales escarpados, relevo abrupto e grandes desniveis de altitude. Refuxio de bosques húmidos, pluriespecíficos e únicos das montañas galegas. As devesas. Así, A Escrita, Romeor, Riocereixa, Faro, Fonteformosa e Zanfoga, E, entre elas, monumental, érguese a Devesa da Rogueira. O Bosque.
Na paisaxe, ademais, deixan gran pegada os impactantes e abondosos soutos de castiñeiros. Máis de 800 especies de plantas vasculares que se van amosando ao longo das estacións do ano. Unha numerosa cantidade de plantas endémicas, pouco citadas ou difíciles de atopar; mosaico impresionante de pasteiros seminaturais, pregamentos, turbeiras, extensións de ericas ou ecosistemas de vexetación casmofítica.
Orografía complexa, con grandes afloramentos calcarios, xunto de lousas e cuarcitas. Covas, bolboretas, orquídeas…
Dúas rutas de sendeirismo completas, un obradoiro de cestaría, a visita á iniciativa ecolóxica Caurelor e, agardamos que, o ambiente agradábel tentarán encher esa fin de semana.
Anímaste?
Máis información no remate das fotografías
Indicacións
-A tarifa é 62€ por persoa.
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 51€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas, cunha menor a cargo, a menor tarifará 51€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, con dúas menores a cargo, as menores tarifarán 51€.
-O prezo inclúe a hospedaxe do sábado , a cea do sábado, o almorzo do domingo, o picnic/xantar volante do domingo. Tamén inclúe o obradoiro de cestaría, a visita a Caurelor, a preparación do programa, as monitorizacións e o seguro de responsabilidade civil.
-Límite da inscrición, 36 persoas; anotarase segundo orde de inscrición. A inscrición require confirmación por parte de Faia.
-O transporte se realizará en coches que deberán ir completos.
-Podes demandar máis información ou formalizar a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706.
“Inda non estoun co’ela.
Aínda ún sigue n’el.
Estoun en Compostela
vendo nevar no Courel”.
Uxío Novoneyra