“Visita a Courel, agosto de 2016. Alí, na plenitude”

O bon facer, o traballo ben feito de Caurelor, iniciativas económicas que lle prestan ao territorio. Arandos, cereixas, amorodos, amoras, castañas,..

Na media montaña o fermoso Delphinium e o seu esporón, a delicada ruda (Ruta montana) nos ecosistemas de encostas areeiros de aciñeiras, as fermosas bolboretas da familia Lycaenidae.

Roi, da Asociación Cultural e Veciñal de Vieiros ou a recuperación social, rehabilitación forestal sustentábel, agraria  e dinamización cultural do territorio. Bon traballo.

Alá pola noitiña, as deusas e os deuses enviaronnos un recado…na forma de lóstregos, tronos e chuvia no Monte Cido. Foi despois de que o tempo, aínda temperado, permitise no alto, lembrarmos a resistencia dos pobos cántabros, galaicos orientais e astures. Octavio Augusto dirixe a campaña militar. No 29 a.c., distribúe ao exercito en tres columnas e avanza desde os flancos e o centro; obriga ás resistentes, cántabras, galaicas e astures, a recuar. Alí, no Medulio, un foxo de 15 millas separa, dun xeito dramático, do mundo a estes pobos. A fame, a inexorábel derrota, precipita a morte; e chega o suicidio colectivo, co teixo, coas armas, das derradeiras persoas resistentes; nin catividade nin dominación. Lucio Anneo Floro e Paulo Osorio, así o contan.

O fermoso capudre, case case, maduro de outono, a chaveira, a espectacular fervenza de Vieiros a través do Selmo, a cola de cabalo, os hipéricos, ouregos,…estas, e todas, son unidades que diseminadas no seu xusto óptimo, conforman o marabilloso espectáculo, O Courel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *