Trilho da Carvalheira de Abedim. Monçâo.
O domingo, 7 de agosto, voltamos a terras de Portugal. En Monçao, na freguesía de Abedim, se sitúa o noso seguinte roteiro.
Son 7 km de percorrido apto para calquera idade, doado de facer, cuxa saída será ás 11h e o remate ás 16,30h, aproximadamente. Non esquezas levar o teu xantar.
Neste percorrido, observaremos a actividade pecuaria e a agrícola dos campos de cultivo en patamares mais unha boa parte do camiño atravesa unha zona profusamente arborizada na que carballo é a especie predominante.
Onda o carballo, o sotobosque, formado por abondosos acivros, pereiras bravas e sanguiños, algúns de grande porte, advírtenos que nos atopamos ante un bosque ben conservado.
A alta humidade debido aos regueiros que rematan no río Gadanha, permite que liques, brións e os fentos se amosen ao longo do percorrido con certo protagonismo.
Esta é época de maduración dos froitos.
A aldea de Grandachâo, ben conservada e os vestixios do Castelo da Penha da Rainha, do que só restan a localización e algunhas pegadas que nos falan da importancia deste espazo no medievo, alimentarán a nosa comprensión deste espazo.
E lembra que é o 7 de agosto.
Anímaste?
Máis indicacións:
-Cómpre inscribirse antes do 6 de agosto.
-A tarifa é de 8€ por persoa.
-A unidade de convivencia de 3 ou máis persoas tarifará unha persoa menos.
-Será de balde para as menores de 10 anos, acompañadas de nai, pai ou titora legal.
-Formaliza a túa inscrición no teléfono 686998706. Tamén podes facela a través da icona de contacto do ángulo superior dereito ou remitir un correo electrónico a info@faia.gl. Deixa un teléfono de contacto.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.
-A monitorización está limitada a 25 persoas.