Ruta “Os últimos bosques asolagados. As Gándaras de Budiño” O Porriño, 11 de decembro

Entre as Serras do Galiñeiro e do Galleiro, esténdese parte da gran Depresión Meridiana. Polo norte, serpea o Louro e, novo, mociño, aproxímase con lixeireza por Pazos de Borbén, Mos, O Porriño. Mais no seu decorrer, en chegando a Budiño, a paisaxe dá unha viraxe, o terreo dilátase, a vexetación e a auga mestúranse e apodéranse do territorio..

A gran chaira da Louriña, convértese, agora, nun admirábel mosaico de ecosistemas impactantes e singulares dentro da xeografía peninsular.

Enormes freixos achéganse á beira do río por encantadoras campas, nas que a olorosa menta acuática procede a se espallar. As altas molinias e os carex salfiren este retrinco da paisaxe. Unha vez na beira, os freixos recúan, e os poderosos amieiros situados nas marxes acadan portes considerábeis polas formidábeis enchentes invernais do Louro. Escaravella a auga e multiplícanse os meandros no río; tamén os regueiros que tributan ao Louro. Collemos camiño por un deles e chegamos ao bosque asolagado.

Difícil explicar as sensacións que produce un bosque tan mesto, tan fermoso. Ollámolo detidamente. Estamos inmersas, posibelmente, no Bosque de aluvión de amieiros, freixos máis extenso da Península Iberica. Alí, na soidade dos tenebrosos bosques, custa imaxinar como tanta beleza foi agredida durante tanto tempo.

É que, alí, arredor de nós, envólvennos 16 ecosistemas comunitarios, 4 deles de Interese Prioritario, con especies sensíbeis en risco de exclusión, desaparición. Incluídas en categorías que falan da súa vulnerabilidade e a dos seus ecosistemas. Da vergoñenta extinción provocada. Por acó habitan o sapoconcho europeo, o amarelle (Narcissus cyclamineus), o capricornio, as vacalouras. Charnecos, lontras, píntegas rabilongas. As droseras, as turbeiras, as lagoas naturais, as gándaras, as barreiras,… fan parte deste complexo e pleno espazo natural, aínda único, que constitúen As Gándaras de Budiño.

Máis información ao remate das fotografías

1

5

4

14

2

6

7

21

8

11

15

9

12

17

13

16

10

18

19

Indicacións
-Localización. Budiño (O Porriño).
-Data. 11 de decembro
-Lonxitude do percorrido. 11 quilómetros.
-Dificultade. Baixa.
-Horas de inicio. 11h
-Horas de remate. 16h
-Tarifa. 7€ (Inclúe a preparación e monitorización da ruta, e o seguro de responsabilidade civil).
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 3€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -unha menor- unha tarifará 3€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -dúas menores- as dúas menores tarifarán 3€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, dúas tarifarán 3€.
-O pagamento farase ao comezo da actividade.
-Xantar. Cadaquén levará a súa comida.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *