Ruta “Os Bosques colino-montanos do Azal, Balouta e Xabriña” Covelo, 27 de maio

A calma é ficticia no bosque de ribeira. O equilibrio, o movemento e a concordia son certas.

No silencio prolongado do murmurio do río, no seu ribazo, algo lle acontece á Luzula perenne. Ela está expectante e observa. Ao seu redor cambian estes días os tamaños, as cores, as texturas do bosque. Novas formas engalanan estes recunchos limpos, libres de persoas.
Nas árbores, as novas follas das abelairas semellan suspendidas no ar. As seixebras, tamén chaman a súa atención; tras o longo talo, xorden os pétalos brancos das súas discretas flores, manchados de amarelo e fermosas anteras rosas…A vistosa centella acuática amarela coloniza as beiras dos regueiros coas follas saxitadas.
Mais non todo é vida. Hai tamén adeuses. No seixo do río, as flores das violas comezan a se despediren este ano deixando tras de si o tapiz das súas follas. Algunhas seixebras desaparecerán exhaustas tras o esforzo da floración, da semente, do froito. A vida e a morte.
Espreguizan as fentas. Levantan as frondes os fentos machos, en composición simétrica; o elegante e grande osmunda xa sobrancea sobre o resto. E segue a medrar. As hedras terciarias colonizan, tapizan, invaden o chan. Coma os brións dicranum, polytrichum, os esfagnos variados; amantes das pedras, das árbores. Escambróns, carballos, estripos, amieiros, algún pradairo, acivros, loureiros, sanguiños, salgueiros negros, rematan esta gran composición fresca-verde-limpa-clara-alimentar que é o medio. Todo beleza. Intanxíbel, intocábel, non-violábel.

E así, a escasa e pequecha Luzula, á que eu observo deitada ao seu carón, coa que me mesturo sen a danar, desde onde dirixo os meus ollos cara onde ela respira, ela…ela síntese renovada, alegre, chea de vida. Alí, nos bosques do Azal, Balouta e Xabriña.

Máis información, logo das fotografías.

 

Máis indicacións
-Localización. Covelo
-Data. 27 de maio.
-Lonxitude do percorrido. 9 quilómetros.
-Dificultade. Baixa-Moderada. Altitude 350m-550m
-Hora de comezo. 11h.
-Hora de remate. 16,30h, aproximadamente.
-Tarifa. 9,30€ (Inclúe a preparación, a monitorización da ruta, o seguro de responsabilidade civil). O pagamento farase ao inicio da actividade.
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 5€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -unha menor- unha tarifará 5€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -dúas menores- as dúas menores tarifarán 5€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, dúas tarifarán 5€.
-Xantar. Cadaquén levará a súa comida.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario . Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl . A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *