Ruta “No Parque Nacional Peneda-Gerês, a envolvente do río Mouro” (Lamas de Mouro), 23 de decembro

“…E así foi. Andaba na túa procura, desorientada; na chan húmida dos abrancazados e lixeiros bidueiros sentinme observada; quizais foran as raiolas de sol peneiradas entre as físgoas das súas cantareiras follas ou a claridade do baleiro arbustivo do seu bosque. Malia a inquedanza sentida, entre as briófitas, sentinme ben. Andei.

A maravallada de cerquiños azulados e glaucos, protectora, acrescentou a miña axitación inicial; serían os sobresaltos dos seres que fuxían entre a ramallada, coma no Bosque Animado. Ou a inxente recuperación das lúzulas esmagadas, dos crocos danados.

Deixei de pensar en ti ante a inmensa curvatura de gumes afiados das montañas. Nelas, nos bolos graníticos, erráticos, as diaclases desmembraban as rochas tal coma un crebacabezas, entre uces, queirogas, carqueixas, carrouchas. Xa sen flores, sen sementes, as carpazas amarelas.

No regueiro, alí onde as violas, o esfagno e o blechno; entre a disposición errante da ramallada, abrigueime co corpo, encollinme; a cara pousada nos xeonllos; os ollos, pechos.

E ao cabo, volvendo pisar a chaira húmida dos bidueiros, por fin te atopei. Os teus ollos mudaban de cor. Só había que pararse, mirar cara atrás. Non me deixes nunca.”

Máis información, logo das fotografías



Máis indicacións
Localización. Parque Nacional Peneda-Gerês (Lamas de Mouro).
Data. 23 de decembro.
Lonxitude do percorrido. 11km.
Dificultade. Moderada. Altitude 875m-1175m.
Punto de encontro. Monçao, ás 10h. Desde acó, dirixirémonos nos coches a Lamas de Mouro.
Hora de comezo. 11h.
Hora de remate. 17h, aproximadamente.
Tarifa. 9€ (Inclúe a preparación, a monitorización da ruta, as taxas e o seguro de responsabilidade civil). O pagamento farase ao inicio da actividade.
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 4€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -unha menor- unha tarifará 4€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -dúas menores- as dúas menores tarifarán 4€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, dúas tarifarán 4€.
-Xantar. Cadaquén levará a súa comida.
-Formaliza a túa inscrición neste FORMULARIO . Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl . A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *