Ruta “Megalitismo, ambiente e transhumancia na Serra da Peneda” Vale de Poldros (Portugal), 30 de setembro
Houbo un tempo, unha soidade. Mais a certeza de non estaren nunca soas as persoas. Desde as migracións animais do Paleolítico, existen camiños humanos que nos levan á transhumancia e á fermosa arquitectura das brandas. Á amplitude e á liberdade.
Aló, no alto, as mámoas, as antas, ou fascinio da arquitectura das grandes pedras, e a súa orixe, usos, localizacións, cambios arquitectónicos, fases ou empates europeos, envólvennos en conxecturas, hipóteses, mais tamén en evidencias; e unha aura de certo enigma as cingue.
Entre bosquetes de carballos atlánticos e bidueiros salferidos, pasto e mato de montaña, pequenas forestas de piñeiros silvestres, salpícanse acó e acolá, un rego fresco e limpo, unha represa. E velaquí, daquela, a felicidade das fermosas e delicadas donceliñas azuis -os máis febles dos cabalos do demo-, o voo dirixido, veloz do atigrado candil curvado -das máis grandes libeliñas-, o chimpo estrepitoso e indiscreto da ra verde europea…
Máis indicacións, no remate das fotografías.
Máis indicacións
–Localización. Serra da Peneda.
–Data. 30 de setembro.
–Lonxitude do percorrido. 10km.
–Dificultade. Fácil. Altitude 950m-1200m.
–Punto de encontro. Monçao, ás 10h. Desde acó, dirixirémonos nos coches a Vale de Poldros.
–Hora de comezo. 11h.
–Hora de remate. 17h, aproximadamente.
–Tarifa. 9€ (Inclúe a preparación, a monitorización da ruta, as taxas e o seguro de responsabilidade civil). O pagamento farase ao inicio da actividade.
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 4€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -unha menor- unha tarifará 4€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -dúas menores- as dúas menores tarifarán 4€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, dúas tarifarán 4€.
-Xantar. Cadaquén levará a súa comida.
-Formaliza a túa inscrición neste FORMULARIO . Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl . A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.