Ruta “Entre bidueirais e brandas da Peneda” Vale de Poldros (Portugal), 2 de xuño

Logo de días, os pensamentos acumulados me incendiaban; volvía fallar, de novo; unha e outra vez, e constrinxida, vagaba á agarda dunha pegada que me devolvese, dun impulso de meu que me liberase….

Mentres, un arrecendo… e o tormentelo me indicaba que o solsticio estaría aí, próximo, e asemade me impregnaba do doce aroma da nosa planta. Contemplando a súa disposición no solo esquelético, meteorizado, levoume ao mundo pequeno da vexetación casmofítica. A carroucha, o sedum, a carqueixa. A arenaria.

Alén, no trasmundo volvían aparecer nas pradarías, os asfodelos e as escilas. E Perséfone.

As brandas, salferidas acó e acolá, introducían unha estampa fermosa. A chaira, o rego, o cercado, o cortelho. A humidade da terra.

Doía o corpo, doía… O bidueiral é desconfiado; restan pouquechiños bosques e aló no alto, son poucos e pouco visitados; el estraña novas presenzas. Ao entrarmos nel, debemos facelo devagar e con sumo respecto e coidado. Alí, apoiada na cortiza abrancazada, lenticular, do elixido, observo os seres que o acompañan. Seica viven demasiado rápido mais conseguen familias fermosas. Sen destacarmos nel as persoas, vólvese protectora a casa dos bidueiros. Acóllenos. Coa nosa arrogancia, indiferenza, desaparecería o seu cariño. Por isto sei que se non estamos, hai harmonía, beleza, orde.

Con el, debuxábase novamente o camiño..


Máis indicacións
Localización. Serra da Peneda.
Data. 2 de xuño.
Lonxitude do percorrido. 10km.
Dificultade. Baixa-moderada. Altitude 750m-1100m.
Punto de encontro. Monçao, ás 10h. Desde acó, dirixirémonos nos coches a Vale de Poldros.
Hora de comezo. 11h.
Hora de remate. 17h, aproximadamente.
Tarifa. 9€ (Inclúe a preparación, a monitorización da ruta, as taxas e o seguro de responsabilidade civil). O pagamento farase ao inicio da actividade.
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 4€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -unha menor- unha tarifará 4€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -dúas menores- as dúas menores tarifarán 4€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, dúas tarifarán 4€.
-Xantar. Cadaquén levará a súa comida.
-Formaliza a túa inscrición neste FORMULARIO  Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl . A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *