Ruta do Glaciar e do Alto Vez, Serra da Peneda (Portugal), 18 de setembro

No septentrión do norte portugués, unha serra amosa unhas peculiaridades que a fan fortemente diferente. A 500m de altitude, desde os impactantes complexos agro-silvo-pastorís dos socalcos nas inverneiras e, en ascensión, van asomando, paseniño, entre pequenos bosquetes caducifolios, dominados polo carballo, as brandas do verán, nunha requintada paisaxe de montaña cos cortelhos, o garrano e a barrosá. Xistos e granitos. Mais a beleza non remata. E, esgotada esta paisaxe, a paisaxe xeolóxica gaña espazo e o camiño flúe, nun cambio brusco, entre os pequenos planaltos e os penedos, aparentemente erráticos, espallados arredor nosa. Alí, no alto non é difícil albiscar o voitre leonado, mais tamén enriba das rochas o pequecho e precioso pedreiro cinsento. Sentimos abraio e tamén certa soidade, mais ao pouco e, en chegando aos 1100m, os bloques pendurados no canón do Alto Vez e as moreas laterais e verticais, trasládannos ás glaciacións da época pleistocena, noutro prodixio que, xeneroso, nos ofrece este fermoso territorio.

Tedes as indicacións, ao remate das fotografías.

Máis indicacións
-Localización. Porto Cova, (Sistelo, Serra da Peneda).
-Data. 18 de setembro.
-Lonxitude do percorrido. 12,5 quilómetros.
-Dificultade. Moderada.
-Punto de encontro. Ás 9,45h, na ponte internacional entre Salvaterra e Monçao. Desde alí dirixirémonos nos coches ao comezo da ruta, en Porto Cova, lugar da parroquia de Sistelo-Serra da Peneda.
-Hora de comezo da ruta. 10,30h.
-Hora de remate da ruta. 17h, aproximadamente.
-Tarifa. 7€ (Inclúe a monitorización da ruta e o seguro de responsabilidade civil). O pagamento farase ao inicio da actividade.
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 3€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -unha menor- unha tarifará 3€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -dúas menores- as dúas menores tarifarán 3€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, dúas tarifarán 3€.
-Xantar. Cadaquén levará a súa comida.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl . A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará