Ruta d’As Carballeiras do Barragán. 23 de febreiro.

A salientar..

-Os Hábitats de Interese Comunitario.
-A moenda de millo no Muíño do Barragán.
-Os endemismos do noroeste ibérico.
-A pegada histórica, o Monte da Cidade.
-O bosque termófilo galego.

Atopámonos ante unha das formacións boscosas máis extensas, interesantes e fermosas do sur de Galiza. As Carballeiras do Barragán.

O bosque de ribeira practicamente desaparece a poucos metros do río e deixa paso a unha cumprida carballeira que rube polas ladeiras en pendente do val, recolonizando terreos antergamente usurpados, arrebatados por seren as veigas boas terras de cultivo.

Mais non só se percibe o bosque ao ancho da bacía senón tamén ao longo. Son moitos quilómetros de carballos, carballos, carballos. En fin, recomendada para quen, cansa de tanta especie arbórea alóctona, queira ollar que o bosque propio galego aínda existe. No seu conxunto goberna a harmonía.

E no medio do camiño topamos co Monte da Cidade. Recíbenos inesperadamente un acueduto datado no S.XVIII e convídanos a pasar. Nunha contorna realmente bela, aparecen pegadas da cultura castrexa e de sociedades agrogandeiras do XVIII.  O lugar fainos pensar.

Mais antes haberá muiñada nun dos numerosos muíños da ruta. Amabelmente, as Comunidades de Montes que levaron a iniciativa do proxecto agardarán por nós para moeren o millo nun dos muíños rehabilitados.

Bon, a primavera agroma; florecen as árbores de ribeira, aparecen os primeiros narcisos, prímulas e violas,…e os nosos bosques quérennolas amosar.

En Pazos de Borbén e Fornelos de Montes nos situamos. Están perto. As carballeiras agardan por nós.

Anímaste?



Indicacións
-Localización. Pazos de Borbén e Fornelos de Montes.
-Data. 9 de febreiro.
-Lonxitude do percorrido. 17 quilómetros.
-Dificultade. Baixa.
-Punto de encontro. Ás 10,15h, diante da Biblioteca Municipal de Pazos de Borbén.
-Hora de comezo. 10,30h.
-Hora de remate. 17h, aproximadamente.
-Tarifa. 7€ (Inclúe  a monitorización da ruta e o seguro de responsabilidade civil).
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 3€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -unha menor- unha tarifará 3€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -dúas menores- as dúas menores tarifarán 3€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, dúas tarifarán 3€.
-Xantar. Cadaquén levará a súa comida.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.
-Cómpre inscribirse antes do 22 de febreiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *