Ruta “Bosques do Corno do Bico” 22 de decembro, Paredes de Coura (Portugal)
Diríxome a ese punto que descoñezo e xa non están el, nin ela comigo. Transito pola antesala do bosque non-primixenio, cavilando no devalo das estacións e da vida. Doéndome. A luz decae e o meu ritmo circadiano azouta, bóurame coma nunca o fixo.
As clorofilas verdes dan paso ao carotenoide laranxa, á xantofila amarela. E Perséfone, nos infernos. Contigo estaría. Mais cara Perséfone, non te enfades, quero resistir. Preciso de bidueirais nos cumios e da luz que reflicte a súa abrancazada betulina; das fermosas, severas e solitarias faias zarrapicadas pola espesura, próximas ás carballeiras case montanas que promoven contrariamente, o bulicio, a algarabía da vida.
E desde o alto, pequechiña, moi pequechiña, a miña ollada mais eu esvaramos polas encostas, espallándonos polos cultivos en mosaico no fondo dos vales entre sebes de pedra e acivros…
Anímaste?
Máis información ao remate das fotografías
Máis indicacións
–Localización. Paredes de Coura.
–Data. 22 de decembro.
–Lonxitude do percorrido. 11km.
–Dificultade. Baixa-moderada
–Punto de encontro. Valença do Minho (tras a ponte internacional de ferro, na parte da alfándega portuguesa). Ás 10,15h. Desde alí, dirixirémonos nos coches até o inicio da ruta.
–Hora de comezo. 11h.
–Hora de remate. 17h, aproximadamente.
–Tarifa. 9€ (Inclúe a preparación, a monitorización da ruta, as taxas e o seguro de responsabilidade civil). O pagamento farase ao inicio da actividade.
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 4€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -unha menor- unha tarifará 4€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -dúas menores- as dúas menores tarifarán 4€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, dúas tarifarán 4€.
-Xantar. Cadaquén levará a súa comida.
-Formaliza a túa inscrición neste FORMULARIO Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl . A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.