Faia Educación Ambiental

———INSCRICIÓN PECHADA——–Paseo para adultas “Bosques de Mondariz Balneario”, 31 de maio, Balneario

                            ——INSCRICIÓN PECHADA—–

A lúa interfire na vida do planeta de variadas formas. A súa dinamo interior esmoreceu hai 1000 millóns de anos, mais o magnetismo da súa cortiza altera ás mareas, cultivos, ecosistemas, seres vivos. E así, entre neurona e neurona sucédense as viaxes da serotonina, dopamina, acetilcolina,..
Ben se nota a Lúa Nova pois a fraxilidade e o desconcerto rezuman polos buratos pequechos da miña pel. Será, daquela, a Lúa, a compañeira que guíe a Faia no inicio destes tempos distintos. Comeza un novo ciclo.”

Na orla do bosque, o gaiteiro azul pousa no “bicarelo do bico” do fento femia e os ferreiriños subeliños brincan e comen nas pólas dun amieiro. Os pampullos de flores compostas e as borraxas entre a avea brava. A brisa tépeda esvara pola miña cara e arrinca a humidade dos meus ollos.

A sombra diríxeme ao bosque. Por el ando paseniño para non chamar a atención das árbores, procurando non pisar as flores, tentando adaptarme a outro ritmo que me descubra que podo e debo reverdecer outra vez.

O que queda de min, dedícase a ver flores. Tamén elas son pensamento sinxelo. Aman perpetuamente e por isto, empato con elas. Arenarias brancas, con pétalos compactos de base manchada; decenas de agulleiras pequechas, rosáceas, xuntiñas en grandes matas para a polinización; alfombras de violas moradas que emperiquitan os cons e colonizan ecosistemas estábeis coa polinización cruzada e tamén, directa.
Gusto das Escilas; as súas anteras violáceas semellan as pencas dos seus tépalos, da cara xeitosa que ensina a flor. Mais non te evadas dela pois agocha un segredo, e Caribdis, próxima, non perdoa…
Aromas que proceden das pequenas curvaturas dos pétalos; deixaríame levar por eles, esvarar. Notar a superficie aveludada, amorosa, e que o tempo parase nese mesmo instante. E aí, ficar.

Anímaste?
Mais información e inscrición, logo das fotografías.

   

INDICACIÓNS
Localización. Mondariz Balneario (Troncoso).
Data. 31 de maio.
Inscrición, <20 persoas.
Lonxitude do percorrido. 8km.
Dificultade. Baixa-moderada.
Hora de comezo. 11h.
Hora de remate. 16,30h, aproximadamente.
Xantar. Cadaquén levará o seu alimento.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.
-A inscrición debe ser confirmada por Faia Educación Ambiental. A semana que vén, daremos información do protocolo a observar ás persoas inscritas.
INSCRICIÓN

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *