Ruta “Bosques de bidueiros, turbeiras e carballeiras colinas no Val do Portapiñeiros” Covelo, 26 de novembro
Cuantitativa, pola diversidade de ecosistemas que ofrece. Cualitativa pola excelencia ambiental.
As masas boscosas do río, condicionadas pola orografía, pasan en poucos metros do insigne amieiro, alí onde chega a influencia da auga, até o robusto carballo, expectante desde o alto, afastado da primeira liña do río e dos solos máis pesados.
Deseguida muda a paisaxe. Chegan os espazos abertos, o tormentelo, a vexetación casmofítica, o pasto da media montaña, que sen tempo a padalearmos a súa amplitude introdúcennos nunha xenerosa sucesión de bosquetes de bidueiros. Alí todo é elegancia, limpeza, humidade. Bidueiros inclinados, engalanados de pteridófitas…dos fentos; tamén dos liques, dos brións. Custa non nos pararmos aquí. Observámolo. Entendémolo. Apreciámolo. Valorizámolo. Un belo bosque no seu xusto sitio; no alto.
A variedade de escenarios sorprende e cavilando nisto, logo aparecen as turbeiras. Fundamentais para os ríos montanos, recunchos únicos de plantas escasas de ambientes moi ácidos. Acó, a queiroga das brañas (Erica tetralix), a diminuta, singular e escasa carnívora orballiña (Drosera rotundifolia), os esfagnos en pequenos domos enriba da turba centenaria, da auga.
Logo o piñeiro silvestre e o frío, o castro e o calvario, a matogueira antrópica e o gando, a mámoa, o denso bosque de ribeira..
Tedes máis información, logo das fotografías
Indicacións
–Localización. Covelo.
–Punto de encontro. Na praza central de Covelo, fronte á Casa do Concello, ás 10,30h
–Data. 26 de novembro
–Lonxitude do percorrido. 10km
–Dificultade. Baixa-moderada. Altitude 450m—-840m
–Hora de inicio da actividade. 11h
–Hora de remate. 17h
–Tarifa. 8€ (Inclúe a preparación e monitorización da ruta, e o seguro de responsabilidade civil).
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 4€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -unha menor- unha tarifará 4€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -dúas menores- as dúas menores tarifarán 4€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, dúas tarifarán 4€.
-O pagamento farase ao comezo da actividade.
-Xantar. Cadaquén levará a súa comida.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario . Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl. A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.