Ruta “Bidueirais, carballeiras colinas e turbeiras no Val do Portapiñeiros” 8 de novembro (Covelo)
“As masas boscosas do río, condicionadas pola orografía, pasan en poucos metros do insigne amieiro, alí onde chega a influencia da auga, até o robusto carballo, afastado da primeira liña do río e dos solos máis pesados.
Deseguida muda a paisaxe. Chegan os espazos abertos, o tormentelo, a vexetación casmofítica, o pasto da media montaña, que sen tempo a padalearmos a súa amplitude introdúcennos nunha xenerosa sucesión de bosquetes de bidueiros. Alí todo é elegancia, limpeza, humidade. Bidueiros inclinados, engalanados de pteridófitas, dos liques, dos brións. Custa non nos pararmos aquí. Un belo bosque no seu xusto sitio; no alto.
A variedade de escenarios sorprende e cavilando nisto, logo aparecen as turbeiras. Fundamentais para os ríos montanos, recunchos únicos de plantas escasas de ambientes moi ácidos. Acó, a queiroga das brañas, a diminuta, singular e escasa orballiña, os esfagnos enriba da turba centenaria, da auga. Logo o piñeiro silvestre, o frío,…”
Máis INFORMACIÓN e INSCRICIÓN, logo das fotografías














INDICACIÓNS
–Lonxitude do paseo. 8,5km.
–Altitude. 450m-800m
–Dificultade. Baixa.
–Hora de comezo. 11h.
–Hora de remate. 17h, aproximadamente.
–Xantar. Cadaquén levará o seu alimento.
O transporte realizarase en coches. Quen non teña, pode sumarse a outros coches.
INSCRICIÓN

