Ruta “As Lagoas de Bertiandos. Ao reencontro do amor” Ponte de Lima (Portugal), 24 de xuño

“Enas verdes ervas
vi andalas cervas,
meu amigo.
Enos verdes prados
vi os cervos bravos,
meu amigo.
E con sabor d’elhos
lavey meus cábelos,
meu amigo.
E con sabor d’elhas
lavey myas garcetas,
meu amigo…”

Imaxinamos o encontro do amor de Pero Meogo n’As Lagoas de Bertiandos? Ben podía ser…

Entre o río Lima e a Serra da Arga, asomou Bertiandos. No paseo dos salgueiros negros, fura que fura o ar,  percibimos un camiño. Levounos aos pastos higrófilos, aos relevos da molinia, da abeloura e do buño. Á auga queda.

Na horizontalidade, proximas ao río, entre bidueiros abrancazados, enchoupados, na amplitude dos seus pequenos bosquetes, no tapiz das mentas de lobo, a intriga inmobilizounos, suspendeunos. Un instante, un momento; só un paso máis…cara a dentro..

E confundidas entre os amieiros e os dentabrús, arredor das tapadas

A bubela petiscaba,
a espadana xa murchaba,
a ra ibérica non se movía,
o mergullón pequeno rareaba
e a vaca da raza minhota, pacía.

Bertiandos. Zona Húmida de Importancia Internacional, Sitio da Rede Natura, Paisagem Protegida.

Fotografías de Ana González, Urbano Fernández, Estela Rosende e Marcelo Rodríguez

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *