Ruta “As fragas do Alén”, A Rede Natura. Barcia de Mera, 21 de setembro
PROGRAMA
10,30h Visita guiada á Reitoral de Barcia de Mera (Albergue Alentea)
A Reitoral de Barcia de Mera é un dos pazos de abades más atractivos e singulares de Galiza. Situada no alto do val do Alén, conforma, xunto da Igrexa de San Martiño, un conxunto monumental singular e fermoso.
No exterior do pazo salienta a austeridade da gran construción e os contrapuntos da rica fachada barroca, ateigada de simboloxía pagá, e da artística cheminea. Na visita ao interior, coñeceremos os usos que os abades facían do pazo, o patio, a gran cociña, as cortes dos cabalos,..
Mais non só saberemos da súa importancia artística senón tamén da súa relevancia social e histórica. E así, aparecen a Inquisición, o Císter,..
12h Ruta “As fragas do Alén” (Faia Educación Ambiental)
Velaquí a temos. Unha das pequenas xoias das nosas carballeiras termófilas. O río Alén atravesa o val, encaixonado, e forma un espazo ribeirego de pendentes pronunciadas que determinarán o seu bosque, exuberante, humido, pleno.
Mais a súa orientación sur permitiu conservar nos seus barrancos de elevada humidade ambiental un gran fento relicto dos bosques existentes en Galiza hai varios millóns de anos; o fento palmeira (woodwardia radicans) pode chegar a medir 3 m. A diferenza.
En fin, o Alén honra o seu nome (“máis alá, no outro mundo”) e constitúese no paradigma daqueles femosos bosques atlánticos galegos que hoxe por moitas circunstancias (ruptura co medio rural, economía de rapina, falta de estima do propio, insuficiente coñecemento do medio) temos en pequenas doses.
Indicacións
-Localización. Barcia de Mera (Covelo)
-Data. 21 de setembro.
-Lonxitude do percorrido. 9 quilómetros.
-Dificultade. Baixa.
-Punto de encontro. 10h, Alameda de Mondariz.
-Hora de comezo. 10,30h.
-Hora de remate. 16,30h, aproximadamente.
-Tarifa. 8€ (Inclúe a visita guiada á Reitoral de Barcia de Mera e Igrexa de San Martiño, a monitorización da ruta d’As fragas do Alén e o seguro de responsabilidade civil).
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 3€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -unha menor- unha tarifará 3€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -dúas menores- as dúas menores tarifarán 3€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, dúas tarifarán 3€.
-Xantar. Cadaquén levará a súa comida.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.
-Cómpre inscribirse antes do 20 de setembro.