Ruta “As Carballeiras do Verduxo” e “Visita á Area Arqueolóxica de Tourón” 29 de novembro. Ponte Caldelas, A Lama.
10,45h-14h. Ruta “As Carballeiras do Verduxo” (A Lama)
Estribeiras da Serra do Cando. O río Verduxo nos tramos alto e medio amosa unha foresta de alto valor ecolóxico e estético. O predominio da carballeira no seu curso alto dilúese a medida que a pendente do río remite, e o bosque vólvese máis heteroxéneo. Así, unha estreita banda de sanguiños, salgueiros, amieiros asociados ao leito do río, por momentos luxuriosa, enchida de vexetación, dá paso a unha carballeira na que acivros e a abundancia da xilbarbeira ou loureiro do demo, nos amosan un cambio altitudimétrico que afecta á estrutura da carballeira. Estamos na Rede Natura.
15,30h-16,30h Área Arqueolóxica de Tourón (Ponte Caldelas)
En Ponte Caldelas, nun proxecto de revalorización do patrimonio cultural e natural, un pequeno paseo nos mostrará unha elevada e extensa concentración de gravuras rupestres ou petróglifos, divididas en cinco estacións.
Trisqueis, círculos concéntricos, grandes figuras zoomorfas e antropomorfas, esvásticas, ou cazoletas nunha mostra desta manifestación do III e II milenio a.c. Son sorprendentes a escena de caza, de evidente movemento, da estación O Nabal de San Martiño, con impactos en grandes cervos macho e desorde na manada ante a presenza humana; ou a carga estética de claros e peculiares círculos concéntricos con radios ao seu redor, cuxo remate en círculos amosa unhas figuras pouco habituais da Laxe das Cruces.
Anímaste?
As indicacións da actividade, ao remate das fotografías.
Máis indicacións
-Localización. Antas (A Lama).
-Data. 29 de novembro.
-Lonxitude do percorrido. 8 quilómetros.
-Dificultade. Baixa.
-Punto de encontro. Ás 10,30h na Casa do Concello da Lama. Desde alí, dirixirémonos nos coches ao punto de inicio da ruta.
-Hora de comezo da ruta. 10,45h.
-Hora de remate da ruta. 14h, aproximadamente.
-Hora de comezo da visita á Área Arqueolóxica de Tourón. 15,30h.
-Hora de remate. 16,30h, aproximadamente.
-Tarifa. 8€ (Inclúe a monitorización da ruta, a visita á área arqueolóxica e o seguro de responsabilidade civil). O pagamento farase ao inicio da actividade.
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 3€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -unha menor- unha tarifará 3€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -dúas menores- as dúas menores tarifarán 3€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, dúas tarifarán 3€.
-Xantar. Cadaquén levará a súa comida.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl . A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.