Ruta “As Carballeiras do Aboal. No interior dos bosques propios” Mondariz, 6 de novembro
As Carballeiras do Aboal. Internámonos.
As curvas dos noiros das congostras crean un movemento continuo e diferente cada paso que damos, que a disposición dos carballos e o perfil retorto das súas pólas non fan máis que aumentar.
Devagar, paseniño, os sentidos prenden no territorio. Percibimos o son crepitar das follas, a molicie do follato amoreado no chan, o olor da lentura…. Mais, andado o tempo, a nosa atención vira pois é capturada, por fin, pola presenza das especies. E ollamos as unidades do bosque.
Son as pradeiras cespitosas de xilbarbeiras nas encostas do pequeno val do Aboal; cara a abaixo, o seu remate en panascas fermosas nas beiras do río. A escuridade das valgadas angulosas, erosionadas por pequenos regueiros, crean ambientes frescos e sombrizos, case permanentes; territorio dos brións (ondulado, esfagno, polytrichum, scoparium), liques (parmelia, usnea, evernias) e fentos, a piques de caducar.
Enriba e abaixo, carballos atlánticos; os novos, esticándose na procura das raxeiras de sol coma as hedras, agatuñantes; os maduros, poderosos, ocupándose do goberno do territorio. Os estripeiros, abondosos; tamén, os loureiros.
Estamos en territorio das carballeiras galaico-portuguesas. Carballeira colina.…
Anímaste?
Indicacións
-Localización. Mondariz.
-Data. 6 de novembro
-Lonxitude do percorrido. 7,5 quilómetros.
-Dificultade. Baixa-Moderada.
-Punto de encontro. 10,15h, nos Xardíns do Gran Hotel de Mondariz Balneario.
-Horas de inicio. 11h
-Horas de remate. 16h
-Tarifa. 7€ (Inclúe a preparación e monitorización da ruta, e o seguro de responsabilidade civil).
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 3€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -unha menor- unha tarifará 3€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -dúas menores- as dúas menores tarifarán 3€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, dúas tarifarán 3€.
-O pagamento farase ao comezo da actividade.
-Xantar. Cadaquén levará a súa comida.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.