Ruta “As carballeiras do Aboal. O fascinio dos bosques propios” 8 de marzo, Mondariz
PROGRAMA
10,30h-15,30h. Ruta “As Carballeiras do Aboal”
300 hectáreas de bosque propio. Das máis extensas do sur de Galiza.
Rotundas. Entramos..
As imaxes que rexistramos e as impresións do bosque ralentizan os nosos pasos. Será a mestura de plenitude e mocidade ou a percepción de que aínda hai territorios especiais.
Os brións (ondulado, esfagno, polytrichum, scoparium), liques (parmelia, usnea) e os fentos de frondes perennes son habituais nos ambientes húmidos, sombrizos, acedos e recollidos da carballeira.
Nos regueiros, as berrofemias, as lameiriñas, as lentellas,..
É tempo de cángaros e narcisos. Da incipiente falsa árnica…da nova abeloura.
Os estripeiros, abondosos, os loureiros, e as pradeiras de xilbarbeiras nas encostas pronunciadas do pequeno val dan paso ás panascas nas beiras dos ríos. Enriba e abaixo, carballos, carballos, carballos; os novos, esticándose na procura das raxeiras de sol; os maduros, poderosos, ocupándose do goberno do territorio.
Por momentos, a carballeira termófila, colina, é fonte de pracer, luxuria, harmonía.
16h-17h. Visita guiada a Biochousa, horta e viveiros de produción biolóxica
Na Gargamala (Mondariz), sitúase Biochousa, unha iniciativa agroecolóxica baseada nunha intervención mínima na terra en bancadas que impacta pola beleza do seu cultivo.
Traballan as plantas aromáticas, flor comestíbel, variedades de follas para ensaladas, hortalizas, verduras.
Procuran o mercado de proximidade para a venda en fresco dos seus produtos; xa que logo, a distribución realízase directamente desde o lugar de produción até a hostalaría, as pequenas tendas e a través das cestas semanais ou quincenais a particulares.
Para non perdermos..
Anímaste?
Biochousa
Indicacións
-Localización. Mondariz.
-Data. 8 de marzo.
-Lonxitude do percorrido. 7 quilómetros.
-Dificultade. Moderada.
-Punto de encontro. 10h,15h, nos Xardíns do Gran Hotel de Mondariz Balneario.
-Horas de inicio e remate da ruta das Carballeiras do Aboal. 10,30h-15,30h
-Horas de inicio e remate da visita a Biochousa. 16h-17h.
-Tarifa. 7€ (Inclúe a monitorización da ruta, a visita guiada a Biochousa e o seguro de responsabilidade civil).
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 3€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -unha menor- unha tarifará 3€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -dúas menores- as dúas menores tarifarán 3€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, dúas tarifarán 3€.
-O pagamento farase ao comezo da actividade.
-Xantar. Cadaquén levará a súa comida.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.
– PRAZAS CUBERTAS