Ruta “A Serra do Cando. Bosques, campas, turbeiras e rochedos da gran Dorsal Galega” 12 de xuño, A Lama
Un gran cordal de serras fractura Galiza desde Estaca de Bares até o río Miño. Son 210km de serras sobranceiras, antiquísimas, cuxa orixe se remonta á Era Primaria, hai 300 millóns de anos. De norte a sur, O Xistral, A Cova da Serpe, A Faladoira, O Careón, O Candán, Avión, O Faro, O Suído, Os Montes da Paradanta,…
E, entre o Candán e O Suído,….velaquí, a Serra do Cando. Fermosa.
Extensas chans herbosas nas que pasta o cabalo bravo galego. Abre os beizos, os incisivos trituran a herba. Déitase pouco tempo pois esta postura dificulta a dixestión. É un animal sensíbel. Debemos velo e escoitalo.
Os camiños carreteiros atravesan o mato e lévannos ás pradeiras de asfodelos, alí onde Perséfone foi raptada polos corceis negros de Hades. Aí, inxustamente, no inferno, esqueletes de gando e pegadas do gran carnívoro, nunha paisaxe espectacular, aberta, onde as uceiras húmidas e secas, as turbeiras, e as encostas rochosas arrebatan a nosa atención.
Fermoso.
Baixamos. Nas zonas de transición, o mosaico das hortas e veigas definen a presenza humana.
Mais logo chega o abraio. Sen o sabermos, un exultante bosque, unha gran carballeira galaico-portuguesa, moi húmida e sombriza, densa de vexetación envólvenos unha boa parte do percorrido e pertúrbanos. As seixebras con altos pedúnculos florais nas paredes, os tapices acorazonados de violas a carón dos regueiros, as novas fentas e os dentabrús tenros, as pradarías de esfagno amando á pedra, os incipientes arandos, o olor da menta poexo…..o río……
E acaba. Recollémonos.
Daquela, ese olor, a sombra, a humidade, as imaxes a diversidade, a Serra do Cando, prenden en nós. A ollada do poldro, da nai...
Tedes máis información ao remate das fotografías.
Máis indicacións
-Localización. Serra do Cando (A Lama)
-Data. 12 de xuño.
-Lonxitude do percorrido. 12 quilómetros.
-Dificultade. Baixa-moderada.
-Punto de encontro. Ás 10,30h, na Lama, diante da Casa do Concello.
-Hora de comezo da ruta. 11h.
-Hora de remate da ruta. 17h, aproximadamente.
-Tarifa. 7€ (Inclúe a monitorización da ruta e o seguro de responsabilidade civil). O pagamento farase ao inicio da actividade.
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 3€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -unha menor- unha tarifará 3€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -dúas menores- as dúas menores tarifarán 3€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, dúas tarifarán 3€.
-Xantar. Cadaquén levará a súa comida.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl . A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.