Ruta “A Enseada de San Simón. O Litoral de Cesantes e Marismas de Soutoxuste” 11 de maio, Redondela
É domingo, baixa a maré.
Na Intermareal, na zona de retiro da auga, todo está en orde. A seba coloniza as someras augas salobres e as vistosas anémones de mar sitúanse próximas a ela. As vermellas actinias aparecen contraídas tolerando a falta de auga.
Na zona alta, intensos amarelos e laranxas dos liques Caloplaca. Os escuros da Verrucaria. Desde alí, ollamos sosegada á garza real e a carreira estrepitosa da garzota branca para se alimentar. Tamén voa a rentes da auga o bilurico bailón.
Os arneiróns minúsculos colonizan as rochas e as lapas sitúanse próximas ao Fucus spiralis. Acolá, restos de bivalvos que farán parte xunto das micas da area da praia. E as pulguiñas da praia limpan os grans da area para que esta se volva lucidía, luminosa.
Os bosquetes de salgueiros e loureiros abrigan as beiras das calas e os bosquetes de sobreiras corpudas fálannos de climas. E así o paseo pola beira vólvese protector, agarimoso.
E en todo momento, a Illa de San Simón envíanos historias a través dos cristais de sal…; é domingo, vai subindo a maré..
MÁIS INFORMACIÓN E INSCRICIÓN, ao remate das fotografías
INFORMACIÓN
–Data. 11 de maio.
–Lonxitude, 11 km
–Dificultade, fácil
-Hora de comezo. 11h.
–Hora de remate. 17h, aproximadamente.
–Xantar. Cadaquén levará o seu alimento.INSCRICIÓN
Tamén podes facela no correo-e info@faia.gl ou ligando para o 686998706