Paseíños para peques ‘Pétalos, sépalos, tépalos,…son as flores da primavera!’ 27 de marzo, Mondariz Balneario
Vai chegando…vai chegando, a caloriña.
Estou no río, no camiño. A brisa lene, tépeda, toca a miña cara.
Calma.
O cabaliño do demo, azul, pousa no “bicarelo do bico” do fento. O xirín tolea co seu canto. Os ferreiriños brincan nas pólas dos amieiros. A confianza prende en min e a luz lévame ao bosque.
Ando pausada, ao compás das árbores pois elas suxiren, condiciónanme. Viro a cabeza, e fíxome no río…que me leva a vida.
Agáchome. No chan, salientan a cor amarela, lila, rosa. Son as flores. Universos cheos de vida que pisamos.
Arenarias, escilas, xeranios, xacintos, ranúnculos, cáncaros, violas.
Neste universo, son moi pequena. E así, sentada no bordo do pétalo amarelo-dentado dun panqueixo contemplo a flor e trato de manter o equilibrio; o pétalo é enorme e a súa cor pálida, abráiame. Volvo a ollada cara ao exterior. A altura é respectábel mais se eu perder o equilibrio, as follas rugosas atenuarían a caída. Vírome e observo de novo a impresionante flor.
Bela.
Gusto do aroma a néctar que exhala. Provén do fondo da pequena curvatura do pétalo, daquela cor amarela-ovo, da inclinación que me levaría dentro dela, cara a base dos estames e do gran xineceo; déitome no pétalo e déixome levar; esvaro. Sinto a súa superficie aveludada na miña pel mentres caio… e o tempo se para…
Máis INFORMACIÓN E INSCRICIÓN logo das fotografías
INDICACIÓNS
–Idades das persoíñas. 4 a 11 anos.
–Lonxitude do paseo. 2km.
–Dificultade. Baixa.
–Hora de comezo. 10,30h.
–Hora de remate. 13,15h.
-O pagamento efectúase no comezo da actividade.
-Faia dará un pequeno caderno que deberán traballar as unidades de convivencia. Levade bolígrafo, lapis e lapis de cores. Quen teña lupa, pode traela.
INSCRICIÓN[ninja_form id=40] Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.