Paseo para adultas “Coñecendo os cogomelos, eses seres descoñecidos!” Iniciación. Covelo, 25 de outubro

Un mundo de cores e formas se achega, se estende; son.. .os fungos cogomelos!
Fugaces, diferentes-semellantes. Acó, zarrotas altas e esguías; acolá, boletos ou andoas ghordechiñas e corpudas. Aquelas amanitas pintas? Coidado, coidado…
Viches que lindas son esas ametistas violas? Teñen vida, teñen. Fíxate no bulbo de aquel amarelo que cheira a pataca crúa; ou nesta que deita o líquido laranxa..; esta semella…mais non é; o que si…é ben parecida, ben linda..
-Aquela…xa a vimos antes..non é? Nooon, era outra.
Ferve o noso maxín, fumega..ante a variedade.
E así, lobuladas, gretadas, onduladas, fendidas, verrucosas, e próximas aos bosques ou dentro deles; e nos pasteiros, viñas e cultivos, ametistas violas (Laccaria amethystina), zarrotas (macrolepiota procera), níscaros (lactarius deliciosus), cantarelas (cantharellus cibarius), andoas ou boletos (xénero boletus), netorras (russula virescens), fungos dos lameiros (Agaricus campestris), luras de monte (coprinus comatus) ou amanitas pintas (amanita muscaria), enchen o ambiente de calidade, diversidade e cor.

O 25, gozaremos no interior dunha carballeira, dun paseo de lecer e coñecemento. Anímaste?

OBXECTIVOS
-Identificación e distinción dos cogomelos máis comúns do ecosistema boscoso. Morfoloxía, estrutura e funcións.
-Cogomelos comestíbeis (usos culinarios). Cogomelos non-comestíbeis.
-Lexislación
Sobre a colleita. A actividade está dirixida a aquelas persoas que queiran aprender a distinguir os cogomelos e coñecer a súa función no medio. Se a climatoloxía é favorábel e, atendendo ao número de persoas, poderemos partillar algúns cogomelos e levalos para casa.
Máis información, logo das fotografías.



Máis indicacións
-Localización. Covelo.
-Data. 25 de outubro.
-Lonxitude do percorrido. 2 km
-Dificultade. Baixa.
-Punto de encontro. Ás 9,30h no Pavillón de Deportes de Ponteareas.
-Hora de comezo. 10h.
-Hora de remate. 14h, aproximadamente.
-Tarifa. 6€ (Inclúe a monitorización do paseo dos cogomelos e o seguro de responsabilidade civil). O pagamento farase ao inicio da actividade.
-Nas unidades de convivencia, a persoa menor de idade tarifará 3€.
-Formaliza a túa inscrición cubrindo os datos deste formulario e deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl . A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *