Paseo “Os últimos bosques asolagados. As Gándaras de Budiño” 19 de decembro, Budiño (O Porriño)
Entre a Serra do Galleiro, as estribeiras do Galiñeiro e o Faro de Budiño, serpea polo norte o Louro e esténdese pola fermosa Depresión Meridiana Galega.
Aproxímase con lixeireza a Budiño e de socato, a paisaxe dá unha viraxe abraiante. O terreo dilátase, a vexetación e a auga mestúranse e apodéranse do territorio..
Na gran chaira da Louriña, freixos de porte considerábel achéganse á beira do Louro por encantadoras campas, nas que a olorosa menta acuática procede a se espallar. As altas molinias e os carex salfiren este retrinco da paisaxe. Os poderosos amieiros situados nas marxes soportan como poden as formidábeis enchentes invernais do Louro. Escaravella a auga e multiplícanse os meandros no río; tamén os regueiros que finan no Louro. Collemos camiño por un deles e chegamos ao bosque asolagado.
Difícil explicar as sensacións que produce un bosque tan mesto e singular, tan fermoso. Ollámolo detidamente. Inmersas, na soidade do bosque tenebroso, custa imaxinar como tanta beleza foi agredida durante tanto tempo.
É que alí, arredor de nós, envólvennos 16 ecosistemas comunitarios, 4 deles de Interese Prioritario, con especies sensíbeis en risco de exclusión, desaparición. Incluídas en categorías que falan da súa vulnerabilidade e a dos seus ecosistemas. Da vergoñenta extinción provocada. E así, fan parte deste complexo espazo, aínda único, que constitúen As Gándaras de Budiño.
Máis información e inscrición ao remate das fotografías
INDICACIÓNS
-Lonxitude do paseo. 10km.
–Dificultade. Baixa
–Hora de comezo. 11h.
–Hora de remate. 16,30h, aproximadamente.
–Xantar. Cadaquén levará o seu alimento.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.
INSCRICIÓN[ninja_form id=31] -Tamén podes facer a inscrición en info@faia.gl ou ligando para o teléfono 686998706. A inscrición debe ser confirmada por Faia Educación Ambiental.