Paseo ‘Bosques do Valouta, Azal e Xabriña’ 13 de febreiro (Covelo)

A calma é ficticia no bosque de ribeira. O equilibrio, o movemento e a concordia son certas.

No silencio prolongado do murmurio do río, no seu ribazo, algo lle acontece á Luzula perenne. Ela está expectante e observa. Estes días, mentres o orballo da mañá perla as plantas, percibe cambios no bosque. Non é raro mais sempre que acontece tensa o seu corpo coma se tivese lignina a rebosar. Ao seu redor cambian estes días os tamaños, as cores, as texturas do bosque. Novas formas engalanan estes recunchos limpos, libres da avaricia das persoas.
Nas árbores, alégralle ver as novas follas dalgún sabugueiro e os gomos dos freixos, carballos, salgueiros a piques de rebentar. As seixebras dos noiros, tamén chaman a súa atención pois xa presentan a turxencia que realza as súas follas suculentas. Espreguizan as fentas e reviven as biófritas. En breve, a vistosa centella acuática amarela colonizará as beiras dos regueiros coas follas saxitadas. Violas e panqueixos reclaman a terra, pois así Peséfone decidiu. Volve xunto da mamá Deméter. Tras a morte, a vida.

E así, a escasa e pequecha Luzula, á que eu observo deitada ao seu carón, linda como  ela soa, coa que me mesturo sen a danar, desde onde dirixo os meus ollos cara onde ela respira,  síntese renovada, alegre, chea de vida. Alí, nos bosques do Azal, Valouta e Xabriña.

Máis INFORMACIÓN E INSCRICIÓN logo das fotografías

INDICACIÓNS
Lonxitude do paseo. 9km.
Dificultade. Baixa-moderada.
Hora de comezo. 11h.
Hora de remate. 16,30h, aproximadamente.
Xantar. Cadaquén levará o seu alimento.
O transporte realizarase en coches. Quen non teña, poida ou queira, pode sumarse a outros coches.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.
INSCRICIÓN[ninja_form id=35] -Tamén podes facer a inscrición en info@faia.gl ou ligando para o teléfono 686998706. A inscrición debe ser confirmada por Faia Educación Ambiental.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *