Paseíños para peques “Uns seres moi delicados. Os húmidos e remotos anfibios! 21 de abril, Parque Natural do Monte Aloia (Tui)
Nunha mañanciña cantareira de abril, xiríns e ferreiriños orquestran o son do bosque. A mañá fresca e húmida acariña a miña cara e os meus brazos. Síntome ben. Os verdes luminosos das briófitas cobren o chan e dominan xunto das cores vainillas do leito do regueiro. Un verde rutilante asoma nas novas follas das árbores caducas. Encollidas e febles de novas, os seus verdes tornarán preñados de clorofila, en verde luzula do bosque, até a súa morte pigmentada e colorista de amarelos e laranxas no outono. A morte das follas son a fartura e beleza do bosque.
O rego, limpo, canea seixos e croios, e cae en pequechiñas fervenzas. Murmuria a auga, cantaruxa. Alí na beira da corrente, a ra dos regos está extasiada, arrebatada ante tamaña fermosura. E paralizada, a píntega rabilonga, enriba da pena do rego.
E chega a auga ao remanso. Un mundo de vida. Toma as augas alí o limpafontes común, gran nadador; a ra verde, pouco discreta, estaba encantada…e velaí o macho a croar e croar… Nos xuncos, pousadas, as donceliñas azuis, e de socato, atravesa esta escena o ruxido opaco dunha Anax imperator...
Máis información e inscrición, logo das fotografías.
INDICACIÓNS
–Localización. Parque Natural do Monte Aloia. As persoas anotadas recibirán información sobre o punto de encontro.
–Lonxitude. 1,5km.
–Data. 21 de abril.
–Idades. De 4 a 10 anos.
-Hora de comezo. 10,30h.
-Hora de remate. 13,15h.
NOTA. As persoíñas deberán traer un pequeno caderno e lapis de cores.
-O pagamento realízase ao inicio da actividade.
INSCRICIÓN