Paseíños para peques. “Píntegas, ras, limpafontes,…volven os delicados anfibios! 17 de abril, Parque Natural do Monte Aloia

E na mañá fresca, polo regueiro, a auga esvara polos chanzos, entre pequenas fervenzas e curtos torrentes.

Ambiente limpo, fresco, transparente.

Os dentabrús incipientes, xa con grandes frondes, engalanan o pequeno regueiro, ateigado de follato nas súas beiras.
A follaxe nova das fentas, aínda de verde intenso, camiño de se apagar, coloniza as pequenas fontes.

Freixos, amieiros, abelairas, salgueiros.

Detémonos. Humm, o Son. O Murmurio da Auga, agora roto polo canto dos machos da ra verde.
Alí, chapuza a ra dos regos que volve célere á beira, e tamén mergulla con mestría o limpafontes de fermoso ventre alaranxado intenso.
Acolá, agochadiña, baixo as lentellas de auga, aparece o suco laranxa dunha bela e compacta femia marmorada e, próximo a ela, a crista do pequeno dragón.
E o hábitat da fuxidía e escasa píntega rabilonga, o noso patrimonio, que escorrega entre as rochas do arroio, asediadas pola corrente do torrente.

Anímaste?

Indicacións
-Localización. Parque Natural do Monte Aloia.
-Data. Domingo, 17 de abril
-Lonxitude do paseo. 2km.
-Dificultade. Baixa.
-Idades. 4-12 anos.
-Obxectivos. Descubrimento dos anfibios, percepción do ecosistema río, lecer.
-Hora de comezo. 10,30h.
-Hora de remate. 13,15h, aproximadamente.
-Tarifa. Establécese por unidade de convivencia. É necesaria a presenza da nai, pai ou titora legal así como a súa participación na actividade. A tarifa inclúe a monitorización e o seguro de responsabilidade civil.

  • Unidade de convivencia. 1 menor mais nai, pai ou titora legal, 7€.
  • Unidade de convivencia. 2 menores mais nai, pai ou titora legal, 12€
  • Unidade de convivencia. 3 menores mais nai, pai ou titora legal, 16€
  • No caso de se superar o número de adultas (2) a tarifa pola terceira persoa adulta é 5€

-O pagamento efectúase no comezo da actividade.
-Levade caderno e bolígrafo. Faia dará unhas fichas sobre os anfibios que deberán traballar as unidades de convivencia.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706. A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *