Paseíños para peques “Pétalos, sépalos, tépalos. Estigmas e anteras…son as flores!” 22 de abril, Mondariz Balneario
Vai chegando…vai chegando, a caloriña.
Estou no río, no camiño. A brisa lene, tépeda, toca a miña cara.
Calma.
O cabaliño do demo, azul, pousa no “bicarelo do bico” do fento. O xirín tolea co seu canto. Os ferreiriños brincan nas pólas dos amieiros. A confianza prende en min e a luz lévame ao bosque.
Ando pausada, ao compás das árbores pois elas suxiren, condiciónanme. Viro a cabeza, e fíxome no río…que me leva a vida.
Agáchome. No chan, salientan a cor amarela, lila, rosa. Son as flores. Universos cheos de vida que pisamos. Pecho os ollos. Daquela, redúzome ante elas e adáptome.
Arenarias, escilas, xeranios, xacintos, ranúnculos, cáncaros, violas.
Eu pequechiña, sentada no bordo do pétalo amarelo-dentado dun panqueixo contemplo a flor e trato de manter o equilibrio; o pétalo é enorme e a súa cor pálida, abráiame. Volvo a ollada cara ao exterior. A altura é respectábel mais se eu perder o equilibrio, as follas rugosas atenuarían a caída. Vírome e observo de novo a impresionante flor.
Bela.
Gusto do aroma a néctar que exhala. Provén do fondo da pequena curvatura do pétalo, daquela cor amarela-ovo, da inclinación que me levaría dentro dela, cara a base dos estames e do gran xineceo; déitome no pétalo e déixome levar; esvaro. Sinto a súa superficie aveludada na miña pel mentres caio… e o tempo se para…
Máis información, ao remate das fotografías.
Indicacións
-Localización. Mondariz Balneario
-Data. Domingo, 22 de abril.
-Lonxitude do paseo. 2,5km.
-Dificultade. Baixa.
-Hora de comezo. 10,30h.
-Hora de remate. 13,15h, aproximadamente.
-Tarifa. Establécese por unidade de convivencia. É necesaria a presenza da nai, pai ou titora legal así como a súa participación na actividade. A tarifa inclúe a monitorización e o seguro de responsabilidade civil.
- Unidade de convivencia. 1 menor mais nai e/ou pai ou titora legal, 10€.
- Unidade de convivencia. 2 menores mais nai e/ou pai ou titora legal, 15€
- Unidade de convivencia. 3 menores mais nai e/ou pai ou titora legal, 17€
- No caso de se superar o número de adultas (2) a tarifa pola terceira persoa adulta é 4€
-O pagamento efectúase no comezo da actividade.
-Faia dará un pequeno caderno que deberán traballar as unidades de convivencia. Levade bolígrafo, lapis e lapis de cores. Quen teña lupa, pode traela.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.