Paseíños para peques. Nas praias de Alcabre e no Acuario do Museo do Mar descubrimos o noso mar! Vigo, 7 de xuño

A primeiros de xuño daquel ano, achegábase o verán, e ese domingo miña nai tiña unha sorpresa para nós…

-Veña!! Erguédevos da caaamaaaaaa! Hoxe imos cediño á praia. Quero ensinarvos algo….

E fomos, como non. Pensabamos que nos iamos bañar pois xa quecían as temperaturas, mais a sorpresa non foi esa…..; fíxonos ver a praia dun xeito diferente. Coñecela… e querela máis. Vela con outros ollos. Non só para usala…
Miña nai agochábase, estaba contente, contente! Collía cunchas que nos pasaban desapercibidas, lapas ás que por fin lles prestaba atención.
Caín na rocha, miña irmá riu un pouco -mala, mala!!!- mais non chorei e así os queimacasas deixaron de ser nécoras e os camaróns xa non eran gambas. Sinalábanos actinias que parecían flores, e flores que só existían alí, algas que parecían iguais, gaivotas de diversos tamaños e cores, as discretas femias dos alavancos

A nosa atención era tal que fomos máis días…As estrelas de mar, como comen e se moven; o picado dos carráns, a inmersión dos corvos mariños,..
Aquela época, aquela época,…aquel recunchiño meu de area branca, auga e mar,…..miña nai,…son un mundo vasto, enorme, enorme!!
Sempre volvo. E sempre será diferente…

PROGRAMA
10h. Paseíño para peques. Alcabre.
12,15h. Visita ao Acuario do Museo do Mar



Indicacións
-Localización. Praias de Alcabre, Vigo.
-Data. Domingo, 7 de xuño.
-Lonxitude do paseo. 2,5km.
-Dificultade. Baixa.
-Idades. 4-12 anos.
-Obxectivos. Descubrimento e coñecemento de moluscos, equinodermos, artrópodos. Distinción da avifauna. As algas. Percepción do ecosistema costeiro.
-Punto de encontro. Museo do Mar de Vigo (Alcabre).
-Hora de comezo do paseíño. 10h. Visita ao Acuario, 12,15h
-Hora de remate. 12,45h.
-Tarifa. Establécese por unidade de convivencia. É necesaria a presenza da nai, pai ou titora legal así como a súa participación na actividade.

A tarifa inclúe a  Visita ao Acuario do Museo do Mar, a monitorización do paseíño, o seguro de responsabilidade civil e o dosier da actividade.

  • Unidade de convivencia. 1 menor mais nai ou pai ou titora legal 9€
  • Unidade de convivencia. 1 menor mais nai e pai ou titora legal, 10€
  • Unidade de convivencia. 2 menores mais nai ou pai ou titora legal, 15€
  • Unidade de convivencia. 2 menores mais nai e pai ou titora legal, 16€
  • Unidade de convivencia. 3 menores mais nai ou pai ou titora legal, 19€
  • Unidade de convivencia. 3 menores mais nai e pai ou titora legal, 20€

-O pagamento efectúase no comezo da actividade.
-Levade caderno e bolígrafo. Faia dará unhas fichas que deberán traballar as unidades de convivencia.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706. A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.
-Data límite de inscrición, 6 de xuño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *