Paseíños para peques. “No Parque Natural do Aloia, os cativos e as cativas cuns seres moi especiais. Son os anfibios! 10 de maio.

Na mañá fresca, dirixímonos cara ao regueiro. Quería ensinarlle ao fillo e á filla os agochos duns seres fermosos e inxustamente tratados por nós, polas persoas; pensaba eu no dano que tantas veces facemos..

Escoitabamos próximo o murmurio da auga, e os carballos do comezo deron paso a pequenos freixos, amieiros, abelairas e salgueiros. Apareceu un carreiro e tomámolo; ía a rentes da auga; logo de andarmos un pouco, o toro dunha árbore relada atrancaba parte do camiño. Dispuñámonos a apartalo cando Xoel…

-Aaala! Que grande! Amarela e negra! Que é iso, paaa?

-Unha píntega, mociño! Sabes, meu neno? Cando eu era unha cativa, maltratabamola. Si, así cho digo..; dicían que “botaban o ar” que “botaban veleno”… e nós facíamoslle caso a esas parvadas…

Seguimos andando polo regueiro. As fentas, fentos femias e os grandes dentabrús case non nos deixaban ver a auga. De socato, tras unha nosa pisada, algo salta velozmente á auga e escoitamos un chapuzón case imperceptíbel. Achegámonos á beira e ollamos unha pequena ra vermella con antefaz negro..

-Que era, que era! -pensaba e non daba coa palabra- Xa sei! É a ra patilonga!! Sabes Andrea? Só existe no noroeste da Península. É única!!

-Pa! E ese tan grande que hai aí? É verde e negro, que cores máis bonitas ten!

-Que sorte temos! É o limpafontes marmorado; viches que debuxo máis bonito ten na pel? Chámano o pequecho dragón! Vícheslle a crista? É o macho.

As grandes libeliñas sucaban a auga, cara a adiante, cara a atrás. Os gaiteiros, cheos de cor, pousados nas follas dos dentabrús…. como nos acougaban estas imaxes!

Mentres camiñabamos no chan mol, e sen perdermos de vista a fermosura que se nos presentaba, falamos, rimos, respiramos até que rematou a pequena andaina.

Voltamos a casa. Pensaba eu que pouquiñas oportunidades nos damos para facermos dalgúns momentos algo moi especial.

E pasaron anos, mais o día, ese día, ficou prendido nos nosos maxíns.

Indicacións
Localización. Parque Natural do Monte Aloia.
Data. Domingo, 10 de maio.
Lonxitude do paseo. 2km.
Dificultade. Baixa.
Idades. 4-12 anos.
Obxectivos. Descubrimento e coñecemento dos anfibios, percepción do ecosistema río, lecer.
Punto de encontro. No Monte Aloia, na esplanada, antes de chegarmos ao Alto de San Xiao.
Hora de comezo. 10,30h.
Hora de remate. 13,15h, aproximadamente.
Tarifa. Establécese por unidade de convivencia. É necesaria a presenza da nai, pai ou titora legal así como a súa participación na actividade. A tarifa inclúe a monitorización e o seguro de responsabilidade civil.

  • Unidade de convivencia. 1 menor mais nai, pai ou titora legal, 7€.
  • Unidade de convivencia. 2 menores mais nai, pai ou titora legal, 12€
  • Unidade de convivencia. 3 menores mais nai, pai ou titora legal, 16€

-O pagamento efectúase no comezo da actividade.
-Levade caderno e bolígrafo. Faia dará unhas fichas sobre os anfibios que deberán traballar as unidades de convivencia.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706. A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.
-Data límite de inscrición, 9 de maio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *