Paseíños para peques “Estimulamos os nosos sentidos no medio natural!” As Gándaras de Budiño, 3 de xuño
Unha carricanta pasea por riba do brión e un escaravello polos estames dunha flor; a fermosa bolboreta alaranxada da estruga, pousa no chan. As abellas, sen pausa, van cara ás cores amarelas dos pétalos e das flores compostas. O gaiteiro azul, no bico do fento, anda á espreita de moscas e mosquitos.
Mentres andamos por este escena, as grandes árbores da beira do camiño presentan toros de texturas lisas, suaves ou rugosas. As lenticelas das árbores lisas prenden a nosa atención; triangulares, oblongas, lineares,….en cerdeiras, en bidueiros. Tras un leve instante, achegámonos a unha menta acuática, a unha folla de nogueira. Xorden os aromas doces, anisados, acres ou frutais. E os aromas das flores, o gran esforzo belo que realizan as plantas para a súa supervivencia….Sobrevivir.
As temperaturas quentes, mornas ou frías supeditan o noso estado. Murmurios do río. O fragor do vento no bosque esquiva as árbores e bate nos nosos ouvidos. Cóxegas diminutas.
Como os tolos asubíos agudos dos xiríns, os agarimosos dos ferreiriños, o variado e afrautado do tordo.
A percepción do medio natural contribúe ao desenvolvemento dos nosos sentidos. O olfacto, a audición, o tacto, o equilibrio, a vista ou a capacidade de resposta, son algúns dos sentidos que podemos presentar as persoas e persoíñas. E a súa discriminación e diferenza permiten unha mellor comprensión das especies arbóreas, das pequenas plantas, do solo, e ensínannos a grande diverside que existe nos nosos bosques. Aí, arredor de nós.
Tedes máis información logo das fotografías.
Indicacións
-Localización. As Gándaras de Budiño
-Data. Domingo, 3 de xuño.
-Lonxitude do paseo. 2,5km.
-Dificultade. Baixa.
-Hora de comezo. 10,30h.
-Hora de remate. 13,15h, aproximadamente.
-Tarifa. Establécese por unidade de convivencia. É necesaria a presenza da nai, pai ou titora legal así como a súa participación na actividade. A tarifa inclúe a monitorización e o seguro de responsabilidade civil.
- Unidade de convivencia. 1 menor mais nai e/ou pai ou titora legal, 10€.
- Unidade de convivencia. 2 menores mais nai e/ou pai ou titora legal, 15€
- Unidade de convivencia. 3 menores mais nai e/ou pai ou titora legal, 17€
- No caso de se superar o número de adultas (2) a tarifa pola terceira persoa adulta é 4€
-O pagamento efectúase no comezo da actividade.
-Faia dará un pequeno caderno que deberán traballar as unidades de convivencia. Levade bolígrafo, lapis e lapis de cores. Quen teña lupa, pode traela.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.