Paseíños para peques “Dorme no inverno o Bosque Animado?” 16 de decembro, P.N. Monte Aloia

“A fraga é un lugar cheo de vida…..
Cando atravesamos unha fraga sentimos unha vaga emoción, un desexo de volver a vista atrás, de nos determos a escoitar non sabemos qué, e isto é porque a alma da fraga roza a nosa alma e o que en nós hai ligada a unha vida ancestral, antiga, remóvese por dentro e asoma.

-Agarda -suplica a nosa alma-, deixame escoitar aínda e entenderei!!

Mais esa lembranza fica tan lonxe que, esquecido o noso pasado, seguimos a nosa marcha entre as raiolas do sol que penetran no bosque e as follas peneiran e só, cando saímos del, do Bosque, pensamos…

-Que extraño, parece que alguén nos tentase falar e se arrepentise…” (Adaptación d’O Bosque Animado, Wenceslao Fernández Flórez)

Non dorme a fraga no inverno….Transfórmase. As árbores respiran, os pigmentos colorean os liques. O alimento das aves escasea e, ferreiriños e estreliñas riscadas andan na procura tola de arácnidos, vermes; as papuxas xa prenden nas mazás da orla do bosque. Nas pingas de auga dos brións reflicten as ondas de luz. Os froitos dan novas árbores, os pitos pequenos espreguizan cara a madureza.
No inverno, o bosque ralentiza, alimenta novas emocións, loitas e vidas; vai enchendo paseniño o seu espírito, prepárase pois un día…..
Máis indicacións, logo das fotografías



Indicacións
-Localización. Parque natural do Monte Aloia (Tui)
-Data. Domingo, 16 de decembro.
-Lonxitude do paseo. 2,5km.
-Dificultade. Baixa.
-Idades. 4-12 anos.
-Punto de encontro. Comunicarase na confirmación da inscrición.
-Hora de comezo. 10,30h.
-Hora de remate. 13h, aproximadamente.
-Tarifa. Establécese por unidade de convivencia. É necesaria a presenza da nai, pai ou titora legal así como a súa participación na actividade. A tarifa inclúe a monitorización e o seguro de responsabilidade civil.

  • Unidade de convivencia. 1 menor mais nai e/ou pai ou titora legal, 10€.
  • Unidade de convivencia. 2 menores mais nai e/ou pai ou titora legal, 15€
  • Unidade de convivencia. 3 menores mais nai e/ou pai ou titora legal, 17€
  • No caso de se superar o número de adultas (2) a tarifa pola terceira persoa adulta é 4€

-O pagamento efectúase no comezo da actividade.
-Faia dará un caderno que deberán traballar as unidades de convivencia. Levade bolígrafo, lapis e lapis de cores. Quen teña lupa, pode traela.
-Formaliza a túa inscrición neste FORMULARIO Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *