Paseíños para peques “Dorme a carballeira no inverno. O conto dunha abella” 24 de decembro, As Gándaras de Budiño
Era Primavera. Voaba…e desde o ar abrollaban as follas das árbores que había pouco descansaban pracidamente; agora, acordaban. Pasaban os días, e a chuvia enchoupábame. Collía as correntes, ascendía no ar para esquivala. Na inmensidade, entre as fendas das nubes e os intersticios das novas e pequechas follas albiscaba coma o chan se enchía de flores de cores. Amarelles, violas, xacintos, cángaros,..
Avanzaba célere e, larpeiro, desde o ar, comía a fermosura golosa do medio natural non-tocado, non-modificado, sen ningunha humanidade, e sorprendíame a calma do Verán; apretaba a calor. Só o frenesí das abellas acó e acolá, nas uces de montaña…que hai que encher as colmeas!… que en chegando está o outono!
Arestora, observo o esquío na abelaira, os cochos e as castañas, landras amoreadas no chan…Achégome e baixo até as copas das árbores pois cada unha delas é un fragmento de cores que se bican e confeccionaban un bosque de múltiples cores diferentes. E así, batendo lenemente os brazos, a poucos metros do chan, introducinme na carballeira. Aspiraba a cor, tocaba a lentura da terra e embebida, ascendía e descendía no medio do bosque. E unha abella, só unha abella voaba impaciente. Outono.
E chegou o Inverno. Aterecía de frío alá enriba. Xa ningún paxaro me acompañaba. Abaixo, niños ao descuberto. Tordos, carrizos. Liques ancorados das pólas, liques adosados. E prendía en min o frío, intenso. A xiada cincenta, a neve algodoeira. Que sería daquela abelliña…atoparía o sustento, chegaría á colmea co aviso? Agora todo é silencio e vagar. Volvo baixar mais agora, obrigada. Pouso no brión conxelado. Alí mesmo, no fermoso esfagno, chega para min o silencio…E así, dorme a carballeira no inverno.
OBXECTIVOS. Coñecemento das comunidades vexetais deste ecosistema no outono-inverno. Onde os niños dos paxaros? As vacalouras? Os brións? Os liques? Os froitos? Respiran as árbores no inverno?…Remataremos cun pequeno conto..”Unha abella no inverno”
Máis indicacións, logo das fotografías
Indicacións
-Localización. As Ribeiras do Louro e Gándaras de Budiño
-Data. Domingo, 24 de decembro
-Lonxitude do paseo. 2,5km.
-Dificultade. Baixa.
-Idades. 4-12 anos.
-Hora de comezo. 10,30h.
-Hora de remate. 13h, aproximadamente.
-Tarifa. Establécese por unidade de convivencia. É necesaria a presenza da nai, pai ou titora legal así como a súa participación na actividade. A tarifa inclúe a monitorización e o seguro de responsabilidade civil.
- Unidade de convivencia. 1 menor mais nai e/ou pai ou titora legal, 10€.
- Unidade de convivencia. 2 menores mais nai e/ou pai ou titora legal, 15€
- Unidade de convivencia. 3 menores mais nai e/ou pai ou titora legal, 17€
- No caso de se superar o número de adultas (2) a tarifa pola terceira persoa adulta é 4€
-O pagamento efectúase no comezo da actividade.
-Faia dará un caderno que deberán traballar as unidades de convivencia. Levade bolígrafo, lapis e lapis de cores. Quen teña lupa, pode traela; Faia levará algunhas.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.