Paseíños para peques. “Chegan os froitos dos nosos bosques. Sementámolos?” Mondariz Balneario, 10 de setembro

Vai rematando o verán. Polo Tea, paseo. Leva pouca auga mais é un río fermoso. Ensimismada estou nas súas augas quedas e nos cabaliños do demos. Nas zapateiras e na función ordenada das súas patas.

Déitome baixo dun fermoso carballo atlántico.

Clock! Algo lixeiro petou na miña cabeza. Durmía. Abrín os ollos; vexo nas pólas altas como as raxeiras do sol definen a contorna das follas do gran carballo, da árbore nai.

Clock-clock! Dúas veces! Espabilo e vexo landras frescas ao meu redor. O carballo dime que non estou no lugar apropiado mais, lindo provocador, estimula a miña curiosidade.. Non son tres, hai moitas e unhas poucas darán un novo carballo, con dúas folliñas, e medrará, medrará..

Sentado xa, alzo a ollada. Observo unha abelaira e, baixo dela, partidas pola metade e baleiras, as súas orondas abelás.

De deitado a sentado. E ágora, érgome.

Na beira do río, polo chan, froitos vermellos, agrupados, lisos, dunha liana; serán da herba salgueira, do chuchamel? Que frescos e zumentos parecen mais…comer non-non! malo-malo!

E agora, ando. Outros vermellos nunha árbore. É un estripeiro. Froitos á miña altura mais teñen donas, donos. Paxaros e roedores. Xeneroso castiñeiro, alédame ver os seus ourizos! Acios de peros un pouco ácidos…

Bagas pardoverdosas de loureiros, lindos xaros de bagas vermellas. Xilbarbeiras. E aínda hai amoras escuras. Sámaras de pradairo. Ala!! Comeza a época dos froitos!

Deixei moi atrás o gran carballo mais achei que, ao fin e ao cabo, coas landras quixese falar. Dime el….Non ves o que tes diante de ti estes días? Tenta coñecer e entenderás un pouquiño máis!

Máis indicacións da actividade, logo das fotografías.

Indicacións
Localización. Mondariz Balneario.
Punto de encontro, os Xardíns do Gran Hotel.
Data. Domingo, 10 de setembro
Lonxitude do paseo. 2,5km.
Dificultade. Baixa.
Idades. 4-12 anos.
Obxectivos. Descubrimento dos froitos do estripeiro, loureiro, abelaira, lianas e gabeadoras, castiñeiro, carballo, sabugueiro, sanguiño, xilbarbeira. Canda pequecha sementará dúas especies en recipientes de reciclaxe que levará Faia. As cativas e cativos, deberán traer unha culler.
Hora de comezo. 10,30h.
Hora de remate. 13h, aproximadamente.
Tarifa. Establécese por unidade de convivencia. É necesaria a presenza da nai, pai ou titora legal así como a súa participación na actividade. A tarifa inclúe a monitorización e o seguro de responsabilidade civil.

  • Unidade de convivencia. 1 menor mais nai e/ou pai ou titora legal, 10€.
  • Unidade de convivencia. 2 menores mais nai e/ou pai ou titora legal, 15€
  • Unidade de convivencia. 3 menores mais nai e/ou pai ou titora legal, 17€
  • No caso de se superar o número de adultas (2) a tarifa pola terceira persoa adulta é 4€

-O pagamento efectúase no comezo da actividade.
-Faia dará un caderno que deberán traballar as unidades de convivencia. Levade bolígrafo, lapis e lapis de cores. Quen teña lupa, pode traela; Faia levará algunhas.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *