Paseíños para peques. “Chega o outono…e con el, olores, pensamentos e cores!” Parque Natural do Monte Aloia, 18 de outubro
Esa tarde de outono, libereime de compromisos e atendinme.
Miña cadela, meu can, comigo. Deixo atrás as rúas, as casas, a simetría da vila. Os camiños, antes de piche, agora son de terra.
E, sen o pensar, estamos diante dela, ou del. Na foresta, no bosquete.
A terra negra, solta, cuberta pola follasca, o chan mol. Onde ir? Agora sei que non era importante a pregunta. Os cánidos, soltos, corren, olfactean, esburacan o chan; besbellan entre eles. Advirto a súa a ledicia. E eu?
Aínda non; prenden en min pensamentos rutineiros, problemas cos que me recreo; ideas que me inquedan. Estou afastado dos meus sentidos, e iso que me arrodea un lugar fermoso.
Así e todo, deteño os ollos nos liques usneas dos carballos e nas súas longas barbas verdeazuladas pendurando das pólas retortas; nas pólas máis delgadas, hai acios de bugallos a piques de caer. A follaxe, comeza a amarelecer. Abelás e landras caen e baten con entusiasmo no chan.
Ando un pouco e o camiño desdebúxase. Fun perdendo a présa que traía; e nese instante, ábrense as imaxes dos meus tempos novos… dos máis pequenos; teño diante a miña infancia. Nela, recollía landras, que logo guindaba polo peso que tiñan; ollaba as bagas vermellas dos arbustos sen saber o que eran; dicíanme que non se podían coller, que eran velenosas..; eu facía caso, non fose ser…., e serpeando entre os mentrastes, tiña o mal costume de molestar ás barbantesas, mentres arrecendía a néboda e a fiúncho; o olor xa non se iría da roupa…nin tampouco as manchas; e miña nai a berrarme..; abraiábanme tanto os ourizos que tiña que tocalos! Unha e outra vez picado polas súas púas…volvería facelo..
Animeime. Xa Eu, en crequenas, tocaba as landras esvaradías e limpas. Collía un morote, desfacíao na boca, saboreábao. Rozaba a néboda, apertaba o fiúncho amarelado; esculcaba as cores e formas das cantarelas e amanitas pintas; e volvía tirar as castañas dos ourizos entreabertos…
Achegueime a unha nogueira; acariñei o derradeiro folíolo e levei o seu aroma anisado á miña cara.
Espertei. A cadela e o can? Ela está acó, e el? Chámoo. Aí vén correndo, ten un sorriso na boca…e ela, tamén.
Un día do outono no bosque…a miña infancia mais eu.
-OBXECTIVO DO PASEÍÑO PARA PEQUES. A descuberta de froitos vermellos, froitos negros. Os bugallos, os ourizos, landras, abelás. Os liques, brións e fentos. Apreciación do ecosistema bosque.
Máis información no remate das fotografías
Indicacións
-Localización. Parque Natural do Monte Aloia
-Data. Domingo, 18 de outubro.
-Lonxitude do paseo. 2,5km.
-Dificultade. Baixa.
-Idades. 4-12 anos.
-Hora de comezo do paseíño. 10,15h.
-Hora de remate. 13h.
-Tarifa. Establécese por unidade de convivencia. É necesaria a presenza da nai, pai ou titora legal así como a súa participación na actividade.
A tarifa inclúe a monitorización do paseíño, o seguro de responsabilidade civil e o dosier da actividade.
- Unidade de convivencia. 1 menor mais nai, pai ou titora legal 7€
- Unidade de convivencia. 2 menores mais nai, pai ou titora legal, 12€
- Unidade de convivencia. 3 menores mais nai, pai ou titora legal, 16€
-O pagamento efectúase no comezo da actividade.
-Levade caderno e bolígrafo. Faia dará unhas fichas que deberán traballar as unidades de convivencia.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706. A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.
-Data límite de inscrición, 17 de outubro.