Faia Educación Ambiental

Paseíños para peques “Álzanse as flores da primavera!” O Xabriña, (Paraños-Covelo) 17 de marzo

Aquel ano, logo dun verán e inverno duros sen comida na colmea, chegada unha primavera adversa na que moitas compañeiras perderan a vida, a abelliña Dona, díscola e arriscada ela, tras ser expulsada da colmea, por pór en dúbida o goberno da Abella Mestra, comezaba unha nova vida.

Atravesou ríos nos que frecuentemente as violas sacaban a cabeciña e tapizaban o chan mol, protexidas polos seus corazóns foliares, cheos de amor; prados onde noutrora miles de mexacáns coloreaban de amarelo o pasto verde, Non había flor. Nin pole, nin néctar.

Atopou unha pequena matricaria de fermosas lígulas e flósculos, ateigada de escaravellos. Non llo permitiron. Unha bolboreta pousada no pétalo dun panqueixo libaba coa espiritrompa o preciado néctar. Compartiron flor, e a bolboreta, exhausta, dicíalle que ela estaba preparada para ser convertida nun ser fermoso de grandes e vistosas ás e agora, murcha, non tiña nin forzas para voar…; voar, quen puidese voar..

Proseguiu camiño e no chan, unha abella solitaria e as súas cativiñas, convidárona a pasar a noite e cear con elas o pouco pole e néctar do que dispuñan. Esa noite, comezou unha verdadeira amizade. Na mañá, unha despedida sentida, un abrazo quente, unha lembranza de vida.

Pasaban as horas e os días, e desesperada, sen forzas, preguntou sen moita esperanza a unha vacaloura de voo pesado e vagaroso por algunha flor. Sinaloulle un outeiro, alí onde o sol quentaba. E chegou. Regalou os ollos pois os campos estaban preñados de xeranios coas súas lindas guías de néctar, alegres pampullos repoludos, grupos de arenarias nos bordos dos camiños. Formigas, abellas, escaravellos, bolboretas. Nos regos, embelecía a herba centella. Nas ladeiras, as uces emperiquitaban as montañas rosáceas e vermellas. Que contentes as montañas co seu manto de cores con paxaros. Liñaceiros, chascos e papuxas.

Unha escena pintada, un momento asombroso, un instante pleno de vida. E alí, sen máis forzas, a abelliña descansou feliz.

Máis información, logo das fotografías

Indicacións
Localización. Paraños (Covelo)
Data. Domingo, 17 de marzo.
Lonxitude do paseo. 2,5km.
Dificultade. Baixa.
Hora de comezo. 10,30h.
Hora de remate. 13,15h, aproximadamente.
Tarifa. Establécese por unidade de convivencia. É necesaria a presenza da nai, pai ou titora legal así como a súa participación na actividade. A tarifa inclúe a monitorización e o seguro de responsabilidade civil.

  • Unidade de convivencia. 1 menor mais nai e/ou pai ou titora legal, 10€.
  • Unidade de convivencia. 2 menores mais nai e/ou pai ou titora legal, 15€
  • Unidade de convivencia. 3 menores mais nai e/ou pai ou titora legal, 17€
  • No caso de se superar o número de adultas (2) a tarifa pola terceira persoa adulta é 4€

-O pagamento efectúase no comezo da actividade.
-Faia dará un pequeno caderno que deberán traballar as unidades de convivencia. Levade bolígrafo, lapis e lapis de cores. Quen teña lupa, pode traela.
-Formaliza a túa inscrición neste FORMULARIO Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *