Parque Nacional de Monfragüe. Reserva da Biosfera. 28, 29, 30, 31 de marzo.

Gratifica o ánimo e repara o corpo. Saudábel non? Hai algo máis; amplía a nosa comprensión da diversidade.
Monfragüe.
Posúe unha variedade de ecosistemas sorprendentes para quen está acostumada a ollar os espazos do norte da Península Ibérica. As cortadas rochosas onde moran o voitre leonado e, chegado o momento, a cegoña negra e o voitre branco. Repetiría até a saciedade que son moi grandes, algunhas; delicadas e esveltas, outras; belas e impoñentes, todas.



Non as chamemos aves de rapina. Nesta altura da vida, xa sabemos quen son as rapinas. Mellor, aves de prea. E pertiño destas cortadas, aniñando nas árbores a aguia imperial e o voitre negro.

As dehesas, nos vales, con aciñeiras, sobreiras e caxigos, manteñen o gando porcino e bovino. Atopamos o porco ibérico, a vaca branca cacereña, o touro. E por aí corrican os cervos, as cegoñas brancas, as pegas rabilongas; e axexan os miñatos.



As matogueiras ateigadas de carpazas con chagas; e preséntanse o tomiño, o ourego. O ar arrecende fortemente. E as mapoulas, a arzaia e os caraveis regalan os teus ollos do mesmo xeito que as aves.

Ademais do Texo, Monfragüe é atravesado por outros ríos e arroios cuxo bosques de ribeira amosan tenues diferenzas. Logo, as grandes manchas do bosque húmido mediterráneo e do bosque de solaina, con especies claramente diferenciadas, tamén no seu sotobosque e estrato herbáceo.

Do porco ibérico e outras especies saberemos na visita á explotación porcina; das aves, nas observacións ornitolóxicas; dos bosques, nas rutas.

Mais a educación ambiental non é só o coñecemento do medio natural senón tamén do medio rural e urbano; das interaccións que se producen dentro e entre eles. Logo, vamos a Plasencia. Bela cidade! Monfragüe está vencellada a ela; coñecerémola.

E o derradeiro día, hai moitas probabilidades de ollarmos as cerdeiras en flor do Jerte. Cara a alí iremos, para rematarmos con outra andaina nas estribacións da Serra de Gredos, na Reserva Natural La Garganta de Los Infiernos.

Anímaste?

Preme no programa.

Máis indicacións.

-A tarifa é 99€ por persoa.
-Na unidade de convivencia de 3 ou máis persoas, unha tarifará 89€. Asemade, as menores de 12 anos, acompañadas de nai, pai ou titora legal, tarifarán, tamén, 89€.
-O prezo inclúe a hospedaxe de 3 noites, o almorzo de 3 días e a cea de 2 noites no Centro de Educación Ambiental La Dehesa-Fundación Global Nature. Tamén inclúe a preparación do programa e as monitorizacións.
-Límite da inscrición, 35 persoas.
-O transporte se realizará en coches que deberán ir completos.
-A empresa dispón de seguro de responsabilidade civil.
-Podes demandar máis información ou formalizar a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes ligar para o 686998706.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *