“Outono nos Ancares. Montañas e bosques do Noroeste ibérico” 31 de outubro, 1 e 2 de novembro. 2015

Situámonos no sudoeste do Cordal Cantábrico. Unha gran cadea montañosa acubilla 35 Ecosistemas de Interese Comunitario e os seus numerosos picos roldan os 2000m. Cuíña, Mostallar, Penarrubia, O Corno Maldito, Tres Bispos, Miravalles, Os Penedois son cumios esgrevios, rotundos; baixarmos a vista desde o alto do Cuíña e os vales son profundos e abertos. Alí, as goladas ou engrobas entre montañas; acolá, as campas herbáceas. Até o lonxe, circos e linguas glaciares. Onde agora estamos, no alto, a matogueira alpina amosa as xistras aromáticas, as xanzás, os xenebreiros e a uz de turbeira. Nestas cotas, é destacábel a media e pequena avifauna; así non será difícil vermos as elegantes choias biquivermellas, a pica montesa ou as azulentas, común e papuda, no piso subalpino; a andoriña dáurica, que se nos vai no outono, abondosos lagarteiros,..

Sentimos que isto é diferente e baixamos; temos que ver os extensos bosques eurosiberianos; poucos restan..
Mostallos, carballos albares, atlánticos, ulmeiros, acereiros, cerquiños, faias, pradairos, castiñeiros, teixos, aciñeiras, freixos, amieiros distribúense equilibradamente nos seus bosques propios, segundo a altitude, latitude, orientación, chan e clima.
Tamén, redutos boscosos tan escasos coma os fermosos bidueirais montanos, cos bidos abrancazados ou ateigados dos liques usneas, acompañados dos capudres de acios alaranxados e vermellos e acivros de bagas vermellas, e o estrato baixo dominado polos esfagnos e as arandeiras. Unha imaxe impactante.
E unha das xoias dos Ancares, os bosques monoespecíficos de acivros, sombrizos, sobrecolledores, dominados case exclusivamente polo acivro, aínda que, ás veces, cóanse estripeiros, teixos ou hedras no seu interior.
As carballeiras albares (quercus petraea), vistosas no outono, tan escasas en Galiza, atopan nestas montañas o chan delgado, seco, onde medrar por riba das carballeiras atlánticas..

Damos outra volta..
A presenza humana deu Conxuntos Histórico-Artísticos (Piornedo), coas casas de teito. Cortíns, horros, palleiros. Pasteiros colinos e montanos para as explotacións agrogandeiras onde salientan a Rubia galega e a Asturiana de los valles. Bens de Interese Cultural, O Castelo de Doiras, do baixo medievo, impoñente desde a súa atalaia ou o Pazo de Quindous,…

Unha proposta biolóxica e social de envergadura. Anímaste?

Máis indicacións
-Sobre tarifas e outras cuestións, ao remate destas fotografías



Indicacións

-A tarifa é 83€ por persoa.
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 73€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas, cunha menor a cargo, a menor tarifará 73€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, con dúas menores a cargo, as menores tarifarán 73€.
-O prezo inclúe a hospedaxe do sábado e do domingo, as ceas do sábado e domingo no Restaurante da Pousada, os almorzos do domingo e luns no Restaurante e os picnics/xantar volante do domingo e o luns. Tamén inclúe a preparación do programa, as monitorizacións, as visitas guiadas e o seguro de responsabilidade civil.
-Límite da inscrición, 35 persoas; anotarase segundo orde de inscrición. A inscrición require confirmación por parte de Faia.
-O transporte se realizará en coches que deberán ir completos.
-Podes demandar máis información ou formalizar a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *