“Outono na Ribeira Sacra”. 31 de outubro, 1 e 2 de novembro

Dúas rutas de sendeirismo exuberantes, fecundas e visitas guiadas achegadas á terra para comprendermos este amplo territorio.

AS RUTAS

Na Serra de San Mamede, entre os 1000m e os 1600m, o bidueiral de Montederramo, afastado, sereno e enigmático, contén a elegancia e beleza dos bosques fráxiles. Esta é a súa fortaleza.
Por isto, os sigo sen descanso..
Así o sinten os acivros, as arandeiras e os capudres que acompañan ao bidueiro; van alí onde están eles. Non os deixan sos; ou o brión esfagno que cobre o seu chan silíceo.
Mais Manuel Blanco Romasanta, O Home Lobo de Allariz, O Sacaúntos, tamén o coñecía. Foi aquí, no bidueiral de Montederramo, onde, a mediados do S.XIX, daba conta das súas vítimas.
Hai que percorrer o bosque devagar, en silencio.., os sentidos alerta..

Os canóns do Sil case empachan pola variedade que acubillan. Depedentes da orientación, aparecen os soutos, a carballeira montana mixta. Sobreiras, érbedos e aciñeiras. Os viñedos en socalcos, as carriozas, os lameiros . Mosteiros.

No outono…amarelo de bidueiro, vermello de capudre, castaño de carballo atlántico, amarelo ovo do cerquiño e de castiñeiro, amarelo-verdoso de pradairo, amarelo común de salgueiro, verde coriáceo do acivro, da sobreira, verde…de amieiro

AS VISITAS
Aínda sen asentaren no noso maxín estas imaxes, imos á Adega Vella, empresa familiar de viño mencía e godello, na fermosa casa de labranza cuxas orixes se remontan ao S. XII. Logo, a visita ao impoñente Mosteiro de Montederramo, cuxo poderío económico foi salientábel até a chegada da desamortización.
E, nunha demostración co torno baixo, as últimas alfareiras de Gundivós ensinarannos como elaboran a súa fermosa cerámica negra..

É outono na Ribeira Sacra,
Anímaste?

Preme no programa (pulsa na palabra “programa”)

Os bosques dos canóns

A olaría de Gundivós. A cor negra

A Adega Vella e a paisaxe vitícola en socalcos

O bidueiral de Montederramo

O mosteiro de Montederramo

Máis indicacións

-A tarifa é 79€ por persoa.
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 69€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas, cunha menor a cargo, a menor tarifará 69€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, con dúas menores a cargo, as menores tarifarán 69€.
-O prezo inclúe a hospedaxe de 2 noites no albergue ambiental A Fábrica da Luz, o almorzo de 2 días, o picnic de 2 días (xantar volante), e a cea do sábado, Tamén inclúe as visitas guiadas, a preparación do programa, as monitorizacións e o seguro de responsabilidade civil.
-Límite da inscrición, 32 persoas; anotarase segundo orde de inscrición.
-O transporte se realizará en coches que deberán ir completos.
-Podes demandar máis información ou formalizar a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706. A información sobre a reserva aparece no “programa”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *