“Feiramostra. Feira de produtos ecolóxicos e naturais” Ponteareas, 15 de outubro

Desde o Concello de Ponteareas, preséntase a “Feiramostra. Feira de produtos ecolóxicos e naturais”, o sábado, 15 de outubro, para dar cabida a ámbitos recoñecidos, mais pouco participados pola sociedade, que pulan por un mundo máis xusto e harmónico. Así, entre os vinte expositores que haberá nas rúas Oriente e Esperanza, haberá iniciativas económicas familiares que comezan e pechan o seu ciclo produtivo (lácteos ou apicultura); outras, cuxos materiais construtivos non agreden a longo prazo (ambito da bioconstrución). Alimentos frescos, de garantía, Comercio Xusto, asociacións con intoleracias alimentares (Celiaquía), proxectos económicos de marmeladas e licores baseados nunha soa árbore, o fermoso sabugueiro. Proxectos educativos do territorio con resultados prácticos (CIFP A Granxa), o Patrimonio Inmaterial do Condado,..

Entre todos os expositores, subxace riqueza ambiental, social, cultural e económica.

Completan a feira, obradoiros ambientais (plantas aromáticas, cremas dentífricas, reciclaxe con moedeiros) para cativas e cativos que combinan o lecer e o coñecemento, e outros para ser participados polas persoas adultas (conservas ecolóxicas).

Xa sabedes, a cita é o sábado, 15 de novembro nas rúas Oriente e Esperanza, en horario de 10h-20h

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *